O PSdeG e Bng da Deputación de Pontevedra presentaran unha moción para esixirlle á Xunta a aprobación urxente dun decreto de axudas para os sectores afectados polas restrincións sanitarias

Os grupos do goberno reclaman que o procedemento sexa áxil e sinxelo e que as axudas se tramiten ao través dun portal único
Publicado por o día 19/01/2021 na sección de BNG,Deputación de Pontevedra,Política,PSOE

A Deputación de Pontevedra debaterá no Pleno ordinario deste mes de xaneiro unha moción asinada polos grupos de Goberno (PSdeG-PSOE e BNG) pola que esixe á Xunta de Galicia un Plan de Rescate da hostalería e do resto dos sectores afectados pola pandemia de Covid19 nun marco de colaboración interadministrativa. A Deputación adianta a súa vontade de sentarse nunha mesa institucional e de achegar recursos para unha liña de axudas “na mesma porcentaxe sobre o presuposto provincial que a que aplique a Xunta sobre o seu orzamento 2021”.

A moción tamén insta á Xunta de Galicia a adoptar o “modelo alemán” para que ante calquera nova restrición que se adopte se inclúa no mesmo decreto sanitario o importe das axudas para os sectores profesionais afectados a fin de que poidan facer fronte ás consecuencias económicas que supoña cada decisión. A maiores, reclama que tódalas axudas poidan repartirse cun procedemento urxente, áxil e sinxelo. No texto destácase a operatividade deste modelo implantado en Alemaña, onde tódalas medidas sanitarias van acompañadas de axudas inmediatas aos sectores económicos afectados. Considérase que este debe ser o exemplo a seguir por parte da administración autonómica, “que é a competente para ordenar as restricións e tamén a que ten ao seu dispor os recursos para facer efectivas as axudas”. O texto inclúe tamén a esixencia dos sectores afectados de que a Xunta bonifique ou elimine o tramo autonómico do IRPF e os canon do lixo, da auga, e o eólico.

A moción recorda que a Xunta de Galicia xa recibiu durante 2020 do Goberno do Estado un total de 224,10 millóns de euros destinados á caída de actividade económica, e outros 441 millóns de euros dos fondos REACT-EU. Ingresos extraordinarios que se suman aos recibidos para financiar os maiores gastos en Sanidade e Educación públicas, mentres que as deputacións e os concellos non teñen recibido ningún ingreso extra para sufragar os gastos que están tendo que afrontar desde marzo do pasado ano. Diante deste contexto considérase que “non pode ser que a única iniciativa que puxo en marcha a Xunta ata o momento fóra habilitar unha axuda de 22millóns de euros que, ademais de resultar insuficiente, non está repartida na súa totalidade, nin alcanza as cantidades anunciadas”.

Amais, a Deputación de Pontevedra comprométese a manter, e reforzar se fose preciso, as liñas de actuación e programas que ten marcha para os sectores afectados: “O teu primeiro emprego”, Plans de formación, promoción do turismo e do consumo e, se fora posible, á presentación de proxectos que beneficien a estes sectores ao financiamento de fondos europeos, así como á flexibilización no uso dos recursos que chegan aos concellos para que estes podan ser destinados ao establecemento dunha liña de axudas aos sectores máis afectados pola situación pandémica.

Encontro coa directiva de Hoempo

Do contido da moción foi informada a directiva da asociación de hostaleiros da comarca de Pontevedra, Hoempo, que se reuniu cos deputados Carlos Font e Santos Héctor que expresaron a súa solidariedade e apoio ás reivindicacións que o sector está a facer á Xunta de Galicia correspondentes ás súas competencias. Ambas partes concordaron na necesidade dun auténtico Plan de Rescate.

Font subliñou que a Deputación tivo e ten a máxima vontade de diálogo dende o primeiro momento, como demostran as sete cartas enviadas pola presidenta provincial, Carmela Silva, ao presidente da Xunta, “pero, de xeito incrible, ningunha delas tivo resposta, algo incomprensible nun momento como este”. “Claro que queremos dialogar, pero esta Xunta non quere e prefire confrontar e, ademais, “difuminar” as súas competencias para tratar de confundir a fin de que os e as profesionais se esquezan de quen ten as responsabilidades sanitarias e a responsabilidade de indemnizar”. Tamén subliñou que a Deputación xa se reuniu coa Federación Provincial de Hostalería (Feprohos), e agora faino con Hoempo para escoitar as súas lexítimas reivindicacións, anunciarlles a presentación desta moción e expresarlles a vontade da Deputación a cooperar, deixando moi claras as competencias das distintas Administracións e que calquera esforzo orzamentario para axudas compartidas debe ser proporcional, lembrando que se a Xunta acepta a proposta de achegar 120 millóns de euros por ano, iso representaría o 1,038% do Orzamento autonómico.

Finalmente, os representantes da Deputación fixeron un recoñecemento expreso ao esforzo realizado por Hoempo para visibilizar as dificultades do sector hostaleiro, adiantaron o respaldo a futuras reivindicacións e acordaron estreitar relacións para facilitar toda a información dispoñible na Deputación sobre futuras iniciativas vinculadas coa hostalería, o turismo e/ou a xestión de fondos europeos para o sector.

Comentar noticia

Your email address will not be published.