O PSdeG fai unha proposta para afastar por Lei dos núcleos habitados ás pirotecnias e plantas de tratamento de residuos

Publicado por o día 09/09/2019 na sección de Política,PSOE

O PSdeG fai unha proposta para afastar por Lei dos núcleos habitados ás pirotecnias e plantas de tratamento de residuos

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou unha proposición de Lei no Pleno do Parlamento que comeza mañá para afastar ás instalacións perigosas dos núcleos habitados. O responsable socialista resumiu as iniciativas parlamentarias que presenta este grupo parlamentario e que inclúen unha serie de propostas para mellorar substancialmente as condicións do ensino público.

Fernández Leiceaga explicou que a proposta socialista pasa por modificar a Lei do Solo para afastar a presenza de instalacións de tratamento de residuos e de pirotecnias nos núcleos habitados e núcleos rurais. Esta distancia mínima será imprescindible, dixo, para protexer á cidadanía dos riscos derivados dos accidentes deste tipo de instalacións, que se teñen rexistrado nos últimos tempos en Galicia.

Ademais incluirán unha serie de propostas para esixirlle á Xunta que “sexa mais ambiciosa” á hora de mellorar as condicións do ensino público en Galicia. Coincidindo co inicio de curso universitario e escolar, os socialistas galegos incluirán unha proposta para implantar de forma paulatina a gratuidade das primeiras matrículas universitarias e reforzar os estudos de mestrado, auténtico talón de Aquiles dos estudos superiores, que adoecen dunha oferta polo momento insuficiente.

Tamén reclama un esforzo da administración pública para estender a escolarización de 0 a 3 anos como medida de conciliación e polo tanto unha das propostas fundamentais para incentivar a natalidade. A proposta socialista pasa ademais por recuperar a gratuidade dos libros de texto na educación básica en Galicia, recuperando a medida acadada polo goberno do socialista Emilio Pérez Touriño e que fora suprimida por Feijóo.

O responsable socialista anunciou nesta liña un curso político centrado nunha oposición “propositiva e contundente” para que a cidadanía “saiba o que lles agarda no próximo goberno da Xunta presidido por Gonzalo Caballero”, fronte a un Feijóo esgotado que presenta propostas “sen incidencia real”, como fixo –lembrou- na recente apertura do curso universitario.

Orzamentos

Leiceaga acusou ao presidente da Xunta de “escudarse” na falla de goberno en Madrid para eludir a súa responsabilidade de presentar os Orzamentos para Galicia en tempo e forma, tal e como si fixera cando Rajoy prorrogou os seus orzamentos e Feijóo comezou o debate parlamentario antes de coñecer o teito de gasto. Explicou que a Xunta “está en condicións de adiantar tempo” salvo que, dixo, “non queira someterse as súas contas a debate antes da convocatoria electoral”.

Fernández Leiceaga criticou que Feijóo faga unha uitilización “torticeira” das entregas a conta que o goberno non pode entregar estando en funcións. Apelou á responsabilidade da que presumiu esta fin de semana en varias entrevistas e dixo que “se realmente antepón os intereses dos galegos aos do seu partido basta con que lles diga aos deputados galegos do PP que se absteñan na investidura e contribúan a resolver o problema que eles crearon” vetando os orzamentos.

Finalmente, Fernández Leiceaga explicou o rexeitamento dos socialistas galegos ao regulamento interno do Parlamento para o uso das salas institucionais e as dependencias da sede do Hórreo, que presentou a Presidencia da Cámara. O responsable socialista reclamou que se abra a unha utilización “ampla” das instalacións da sede parlamentaria, como viña sendo costume, e criticou que Presidencia introduza unha “sospeita a priori” contra os grupos parlamentarios.

Ademais, dixo, “non ten sentido unha referencia á protección do decoro” de “difícil apreciación” estendida a tódalas instalacións do Parlamento de Galicia, polo que adiantou o rexeitamento do Grupo Socialista a esta proposta que será tratada na Mesa do Parlamento desta tarde, polo que presentarán alegacións para a súa revisión “en profundidade”.