O PSdeG-PSOE denuncia o veto do PP a mobilizar a vivenda baleira de Galicia

Publicado por o día 13/11/2019 na sección de Política,PSOE

O PSdeG-PSOE denuncia o veto do PP a mobilizar a vivenda baleira de Galicia

A portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, María Pierres, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposta socialista dirixida a mobilizar “todo o parque de vivenda baleira” de Galicia para introducilo no mercado do alugueiro. Pierres presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para mobilizar 3.000 vivendas cun investimento dun millón de euros, que foi rexeitada polo PP.

A parlamentaria socialista advertiu que as restricións do Programa de Vivendas Baleiras do goberno galego, que limitan a renda cun prezo máximo, desmotivan a moitos propietarios e provocan o fracaso desta iniciativa. As restricións chegan ao punto que só un 7,8 por cento da vivenda ofertada en A Coruña cumpriría os requisitos, así como o 8,5 por cento en Pontevedra, o 21 por cento en Santiago de Compostela ou o 20 por cento en Marín.

Pierres reclamou “mobilizar todo o parque de vivenda galego”, que conta con preto de 300.000 vivendas baleiras, incluíndo o 40 por cento das vivendas que en realidade teñen unha “ocupación non comunicada”. Por iso reclama un programa específico dirixido a tódalas vivenda de titularidade privada que estean abandonadas, incluíndo un seguro multirrisco fronte a impagos, reparacións por vandalismo ou pago de subministros.

Tamén reclamou “axudas económicas limitadas para as obras de posta a punto da vivenda previa á súa posta en aluguer”, co obxectivo de reducir o risco dos propietarios e garantir unha “rendibilidade xusta” impulsando a entrada no mercado destes inmobles “dende o incentivo e non dende a sanción”.

Execución orzamentaria

A responsable socialista explicou que o custe estimado deste programa ascendería a un millón de euros e permitiría mobilizar 3.000 vivendas, o que “non parece un esforzo orzamentario excesivo cando o goberno galego deixou sen executar 21 millóns de euros nos diferentes plans de vivenda no ano 2018”.

Pierres desbotou unha proposta de emenda do PP, que ofrecía elevar do 15 ao 20 pro cento o incremento da renda, que “favorecería a mobilización de apenas o 1 por cento de todo o parque que precisa ser mobilizado”. As medidas propostas polo PP, explicou, tan só incorporarían ao mercado do alugueiro 12 vivendas en A Coruña, 2 en Marín, 4 en Pontevedra ou 14 en Santiago de Compostela, un impacto que cualificou de “pírrico”.

A parlamentaria socialista denunciou a falla de oferta de vivendas de aluguer de longa duración no mercado libre, con só 3.900 inmobles rexistrados a mes de agosto deste ano, mentres a vivenda pública posta en circulación polo goberno galego apenas cubre o 1 por cento. Sinalou que a demanda de vivenda pública “medra mes a mes, con 5 demandantes novos cada día” ata ter rexistrado 14.332 solicitudes a día de hoxe.

Responsabilizou así ao desleixo do goberno galego na posta en marcha de vivenda pública, demostrando unha xestión “allea á realidade da xente e incapaz de dar respostas eficaces aos problemas reais”, unido á desaparición de vivendas de aluguer entre outros motivos pola incorporación da vivenda libre no mercado turístico.

Comentar noticia

Your email address will not be published.