A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle hoxe ao goberno galego que acompañe as novas restricións dun Plan de Rescate á Hostalería galega con “axudas potentes e recursos suficientes”. Así o dixo logo dun encontro en Vigo co presidente da Federación de Hostalería de Pontevedra, César Ballesteros, e o responsable de Ocio Nocturno da entidade, José Luis Asenjo.
Gallego presentou neste encontro as iniciativas parlamentarias que o Grupo Socialista presentará no novo curso parlamentario que comeza co endurecemento das restricións por parte do goberno galego que de facto supoñen un “peche encuberto” do sector. A responsable socialista sinalou que estas difíciles medidas deben ir acompañadas dun Plan de Rescate que “garanta a supervivencia do sector da hostalería na nosa Comunidade Autónoma”.
Lembrou que o Grupo Socialista ten presentado emendas aos Orzamentos da Xunta para incorporar 62 millóns de euros adicionais para a hostalería, comercio e autónomos, cando o Executivo investiu pouco máis de 20 millóns de euros dende o pasado mes de marzo, tal e como confirmara no Pleno do Parlamento a conselleira de Emprego no pasado mes de febreiro.
Gallego alerta da situación límite dun sector que asumiu sete de cada dez empregos perdidos durante 2020, e a facturación de bares, restaurantes e hoteis caeu un 42 por cento. Segundo o IGE, no último ano a caída de traballadores en alta foi do 1,7 por cento, con 16.855 ocupados menos, dos que 12.091 correspondían á hostalería, nun sector que en decembro perdeu outros 1.325 postos de traballo, e acumula no ano unha redución do emprego do 16 por cento.
Ademais, na pasada campaña de Nadal o sector rexistrou unha caída da facturación do 70 por cento con respecto á campaña de 2019-2020, e as perdas para a hostalería oscilaron entre os 15 e os 18 millóns de euros só durante o mes de decembro.
Lembrou que o goberno central envioulle á Xunta 224 millóns de euros para reactivación económica en 2020 e en 2021 remitirá máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios. Advertiu que “seguimos vendo que o goberno da Xunta non está entendendo que ten que despregar o paraugas de protección e impulso económico para non pechar milleiros de comercios, bares e restaurantes ao longo de Galicia”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.