O PSdeG reclama coñecer cantos rastreadores ten o Sergas en activo e con que criterios se fixo a súa contratación

O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario demanda que se tomen todas as medidas de prevención, rastreo e aumento de persoal de atención primaria na área da Coruña
Publicado por o día 13/08/2020 na sección de Política,PSOE

O PSdeG reclama coñecer cantos rastreadores ten o Sergas en activo e con que criterios se fixo a súa contratación

O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe á Xunta coñecer de cantos rastreadores dispón o Sergas en activo nestes intres e cantos deles están asignados á area metropolitana da Coruña, a máis afectada agora mesmo polos rebrotes de covid.

Ao fío da contratación de rastreadores, Julio Torrado demandou saber “cal foi o método de selección” deste persoal e quen está levando adiante a dirección do seu traballo. Do mesmo xeito, preguntou como se ten configurado a súa coordinación cos profesionais de atención primaria, á vista das queixas do persoal dos centros de saúde ao respecto.

En paralelo, o deputado socialista requiriu ao goberno galego que aclare se ten previsto incrementar o persoal de atención primaria dispoñible nestas datas estivais para facer fronte aos rebrotes de coronavirus.

“A Xunta ten que implicarse na solución dos problemas no canto de maquillar as cifras e de tentar endosar a responsabilidade aos concellos”, recalcou o parlamentario do PSdeG, ao tempo que urxiu á Xunta a aclarar que previsións manexa sobre o aumento dos casos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.