O PSdeG reclama máis servizos públicos e máis estabilidade laboral para combater o devalo demográfico: “É un combate que se pode gañar”

O voceiro parlamentario recorda que Feijóo dixo que “era normal” que o goberno de Rajoy non actualizara as entregas a contas en 2018 ata ter aprobados os orzamentos
Publicado por o día 30/08/2019 na sección de Política,PSOE

O PSdeG reclama máis servizos públicos e máis estabilidade laboral para combater o devalo demográfico: “É un combate que se pode gañar”

O voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, presentou hoxe, en compañía da deputada Noela Blanco, as alegacións ao proxecto de lei de impulso demográfico, que definiu como “unha mera operación de marketing sen contido” que é “pura retórica”.

“Non ten concreción, nin calendario, nin memoria económica”, subliñou o dirixente socialista cando chegamos ao venres negro número 67 posto en marcha polos traballadores da CRTVG en protesta pola falta de independencia dos medios públicos en Galicia.

Fronte a este plantexamento do goberno galego, como explicou Leiceaga, o Grupo Socialista demanda a extensión dos servizos públicos, a aposta pola conciliación e a corresponsabilidade, a promoción da estabilidade laboral e a busca do retorno dos mozos que emigraron.

Sobre todo, remarcou, porque 2018 “foi o ano con menos nacementos en Galicia na serie histórica”, e o feito de que os nacementos “non fan máis que baixar dende que Feijóo é presidente confirma o fracaso das súas políticas”.

“Nós cremos que este é un combate que se pode gañar”, incidiu Leiceaga, quen chamou a mirar o exemplo doutros países que están logrando reverter a situación. Así, apuntou que en Alemania xa se consolidou o dereito de todos os nenos a unha praza nunha escola infantil ou que Escocia puxo en marcha unha axencia independente para resolver as carencias existentes no territorio.

MEDIDAS

Así as cousas, entre outras medidas, os socialistas pedirán no Parlamento estender a educación infantil e que o programa de renda mínima compatible co salario se manteña ata que os fillos cumpran 15 anos, e non só ata os tres como ocorre na actualidade.

Ademais, o PSdeG reclamará á Xunta que negocie coas empresas privadas que traballan para o sector público para que inclúan medidas de estabilidade e conciliación para os seus empregados, a fin de “dar exemplo” ao mercado laboral.

Do mesmo xeito, demandará a creación dun mapa de servizos que inclúa tanto os públicos como aqueles privados que son básicos, como os bancarios, para frear o seu desmantelamento e, con iso, o despoboamento do rural.

Outra medida que plantexan os socialistas pasa por que a Xunta garanta que os concellos “con grave regresión demográfica” teñan unhas condicións de cofinanciación dos servizos “brandas ou inexistentes”, para que non teñan que renunciar a eles pola falla de recursos económicos.

Todo isto, como explicou o voceiro parlamentario do PSdeG, porque o devalo demográfico só se poderá vencer “ampliando dereitos e creando as condicións para que estes sexan efectivos”. “Non reducíndoos”, advertiu.

“SOBREACTUACIÓN PARTIDARIA”

En paralelo, a preguntas dos xornalistas sobre as entregas a conta, Fernández Leiceaga criticou “a sobreactuación de Feijóo e do PP” ao falar dunha “aldraxe a Galicia” cando se trata dunha cuestión que afecta a todas as comunidades, ou dunha “manobra partidista” para confrontar co goberno socialista de España.

E, tras recordar que os socialistas xa apoiamos no Parlamento a recepción deses fondos, o voceiro do PSdeG na Cámara reclamou “memoria” a Feijóo. “En xaneiro de 2018, cando Montoro retirou 4.000 millóns de euros co argumento de que os orzamentos estaban sen aprobar, Feijóo dixo que era normal e que xa fora así no 2017”, apuntou.

“Agora di algo totalmente distinto, e iso é o que nos preocupa”, criticou Fernández Leiceaga, para sinalar que o goberno non pode solucionalo ata que non acade plenitude de funcións. “Se hai outro procedemento que se poida buscar, a nós parécenos ben, pero non que Feijóo renuncie á legalidade”, engadiu, en referencia ao informe da Avogacía do Estado.