O PXOM comeza a súa andaina polos pobos de Ponte Caldelas

Dende o Goberno Local celebraron con éxito a primeira asemblea para presentar o PXOM que tivo lugar na casa do pobo de Vilarchán
Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O PXOM comeza a súa andaina polos pobos de Ponte Caldelas

Decenas de veciñas e veciños participaron na pasada noite na primeira asemblea polos pobos de Ponte Caldelas con fin de presentar o PXOM que enviaron dende a Xunta de Galicia. O borrador do PXOM foi enviado xusto antes das eleccións e consensuado polo PSOE, AVP, PP e o BNG e xa está de volta no concello coas aportacións da Xunta de Galicia.

Agora comeza a súa andaina polos pobos do concello, o obxectivo, segundo deixa claro o alcalde Andrés Díaz é o de “facer un PXOM entre todos e para todos”.

Con este PXOM, dende o Goberno Local,  pretenden por fin ás normas subsidiarias de hai máis de 25 anos e aprobar a primeira ordenación urbanística desenvolvida expresamente para Ponte Caldelas.

Díaz destacou que é importante salientar que “este é un trámite, o desta presentación, que decide facer o concello de xeito excepcional, non é algo que se faga de xeito habitual, pero eu creo que é importante que as veciñas e veciños coñezan á perfección un Plan determinante para o noso pobo”.

Andrés Díaz lembrou na pasada noite, ás veciñas e veciños de Vilarchán, que é a Xunta a que decide todos os temas relacionados co urbanismo, por iso quixo salientar que se alguén quere presentar alegacións a este PXOM  poderá facelo sen ningún coste, para iso o único que deberá facer é pasarse polo concello e un técnico será o encargado de redactar a alegación que dende o concello presentarán á Xunta de Galicia. Pero este trámite, lembrou, será dentro de 3 meses aproximadamente, estas asembleas son de presentación e coñecemento do PXOM o periodo de alegacións comezará unha vez sexa aprobado o PXOM en pleno.  Dende o concello informarán debidamente deste punto tan relevante.

Andrés Díaz dixo que “agora o importante é dar a coñecer este Plan Xeral de Ordenación Municipal, un plan que é vital para o crecemento urbanístico do noso pobo, é fundamental para Ponte Caldelas regular o urbanismo”.

Unha presentación onde estivo presente o alcalde e Carlos Rosón, o técnico da empresa encargada de redactar o PXOM. Tras unha breves presentación deste Plan as veciñas e veciños deste pobo puideron preguntar de primeira man as dúbidas que tiña sobre os seu terrenos. Aínda que tal e como dixo Rosón Vilarchán soamente sufríu o recorte de dúas parcelas edificables, é un dos pobos menos afectados trala devolución do PXOM dende a Xunta de Galicia.

A próxima presentación deste PXOM será en Pazos este xoves 3 de outubro ás 20:30. O alcalde Andrés Díaz recalcou que despois das 26 asembleas decidirán dende o Goberno Local se levan este plan a esa aprobación inicial no pleno, onde a posteriori, se poderán presentar as alegacións. Díaz deixou claro que “a decisión de se seguimos para adiante ou non con este PXOM debe ser de todos, de aí a importancia desta exposición inicial”.