O PXOM prevé en Granitos aparcamentos en superficie e soterrados

Belén Villar asegurou que as prazas de aparcamento serían provisionais e desaparecerían cunha praza peatonal. O alcalde cre que Villar “non se documentou ou non leu ben”
Publicado por o día 07/01/2019 na sección de Galicia,Ponteareas

O PXOM prevé en Granitos aparcamentos en superficie e soterrados

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, lamentou a “reacción” da concelleira do PP, Belén Villar, ante a cesión dos terreos de Granitos de Galicia ao Concello. A edil popular advertíu hai uns días que o “parking” anunciado polo alcalde será temporal e un parche porque o PXOM prevé unha praza peatonal no lugar.

Represas aclarou que o Plan Xeral prevé no solar un espazo peatonal, pero tamén aparcamento soterrado e en superficie, “un detalle que Villar pasou por alto, supoño que por non documentarse ou non ler ben e non por mala fe”. O alcalde facilitou aos medios unha copia da previsión contemplada no PXOM que confirma que existirán aparcamentos.

Xosé Represas sinalou que “non hai parches nin improvisación como acusa Villar, ao contrario, hai boa xestión e planificación, cunha medida inmediata consistente en crear un gran aparcamento no solar que a medio prazo pasará a ser un espazo peatonal con aparcamento en superficie e soterrado”. O alcalde ironizou engadindo que “sobre improvisación e parches na materia o PP e Villar son expertos: puideron facer un aparcamento soterrado hai anos na reforma da Praza Maior e non quixeron. A súa aposta son os chamados “lama park” ou parkings de prestado en solares privados, todo un exemplo de visión de futuro”.

O alcalde anima a Villar “a non enfadarse cando o goberno que presido consigue cousas positivas para Ponteareas. Entendo que lle moleste porque ela e o seu partido durante décadas non foron capaces dun logro coma este, pero debería pensar nos intereses da xente que se vai beneficiar con esta medida e non nos seus intereses electorais”.