O que non queren que se saiba: o Cámping da Ladeira, a Foz do Miñor, o Talaso Atlántico

Por o 30/08/2018 | Sección: Baiona,Galicia,Social
O que non queren que se saiba: o Cámping da Ladeira, a Foz do Miñor, o Talaso Atlántico

Remata o mes, os veraneantes marchan, algunhas empresas fixeron o seu agosto aínda que non cumpran coa lei, e segue todo igual un ano máis.

A Foz do Miñor está contaminada, a pesares de ser un espazo especialmente protexido, leva anos así, (pode consultarse o BOE de 8 de agosto de 2011 (páx. 25 código GAL11/03). O Esteiro do Río Miñor está pechado ao marisqueo por contaminación fecal. O problema segue sen resolverse hoxe en día.

A Praia da Ladeira, na clasificación de augas aptas para o baño que cada ano publica o SERGAS, aparece como “boa” (claro que non din que as tomas de mostras cóllense na parte de mar aberto). Aínda así, se nos fixamos na mesma publicación do SERGAS, a proporción de coliformes en xuño de 2018 ESCHERICHIA ENTEROCOCO COLI: 180 (NMP/100 ML) e a análise de ENTEROCOCO INTESTINAL dá como resultado 31 (NMP/100 ML), sendo así a máis contaminada das praias de Baiona. Non se pode entender que nun espazo “tan protexido?” legalmente como a Foz do Miñor poida darse unha situación así.

O Cámping da Ladeira. Neste espazo da Foz, que era público, leva anos funcionando o cámping, con todos os servizos: cafetería, supermercado, piscina, parking, bungalows (estes con sentenza de derribo dende o 2005 xa que non teñen permiso municipal, tampouco obtiveron autorizacións sectoriais de Costas e Medio Ambiente). Onde verten as augas residuais desta infraestrutura? A cantidade de tráfico que xera ao seu redor nos meses de verán está fora de control. Como pode estar situado este cámping nunha zona “protexida” pola Lei de costas, pola Rede Natura, Hábitats protexidos, catalogado como Lugar de Interese Comunitario…?

O estado vendeu o terreo a esta empresa no ano 1971 pero o tribunal supremo sentenza que esta propiedade pasa a ser unha concesión temporal e devolve os terreos ao espacio público, protexido pola lei de costas. Os seus propietarios pretenden modificar o Plan Xeral de Baiona para que a parecela pase a ser urbanizable pero a sentencia cualifica o terreo como rústico de especial protección paisaxística.

A empresa non cumpre as sentenzas e non pasa nada. Pola contra as xentes do Val Miñor temos que pagar permisos para construír un galpón en terreos moi afastados da costa, que non molestan a ninguén e ademais están en parcelas privadas… Como pode entenderse? Este tipo de situacións que reflicten que a lei non é igual para todos son as que fan que a xente desconfíe e non crea no funcionamento do sistema político que nos lexisla e goberna.

O hotel balneario Talaso Atlántico, en Oia, instalouse alí de xeito ilegal. Así o recolle unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en 2009 que anula as licenzas de construción, o que leva implícito o derrubamento do complexo. O Xulgado nº 3 do Contencioso Administrativo de Pontevedra instou dúas veces (2009 e 2012) á execución forzosa da sentenza. Aí segue coa súa función, como se nada. E, en caso de que a sentenza se cumpra algún día, quen vai pagar a desfeita? Temos que pagar a xente do pobo a mala xestión? Por que non se fai responsable a persoa ou institución que concede as licenzas ilegalmente? Quen goberna, como o fai e para quen?

Hai alternativas, entendemos que o Val Miñor é un espazo fermoso para compartir, pero pode facerse de xeito sostible, e sempre defendendo a Natureza e os espazos públicos, defendendo a terra e o mar que son nosos, do común e que deberemos deixar en condicións aos que veñen detrás.

Que podemos facer? En primeiro lugar ser conscientes do que estamos a consumir e dos espazos dos que facemos uso. Podemos facer outras escollas. As veciñas e veciños de Val Miñor debemos esixir que se cumpran estas sentencias que levan anos ditadas, por dignidade, para non “dicir que chove”. Tamén comprender e difundir que se non poñemos límites, o Val Miñor, como outras tantas zonas, venderase ao turismo que veña de fóra, ás empresas que exploten o sector. Pero deixará de ser un lugar fermoso e único. Será un destino máis para verán semellante a moitos outros. E así o territorio, e nós tamén, perderemos a identidade.

Co-mando Ghichas
Colectivo de Acción e concienciación social no Val Miñor

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.