O recén rematado parque infantil de Puxeiros, esceario da programación de Nadal

O domingo 23 de decembro a nova área de lecer acollerá obradoiros infantís, animación, e a Estación de Papá Noel
Publicado por o día 10/12/2018 na sección de Galicia,Mos

O recén rematado parque infantil de Puxeiros, esceario da programación de Nadal

Xa se atopan rematados os traballos de instalación do novo parque infantil no Campo da Feira en Puxeiros, parroquia de Tameiga. Esta mañá visitou a nova área de lecer a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen anunciou tamén que este espazo será esceario de parte da programación navideña municipal deste ano.

O domingo 23 de decembro ás 17:00 horas na Avenida de Puxeiros celebrarase o Desfile de Rondallas e poderá tamén visitarse a Estación de Papá Noel con obradoiros infantís e animación. Actuarán a Asociación Club Rondalla Santiaguiño de Guizán, a Rondalla da Asociación Cultural e Social de Herville, a Rondalla do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, e a Rondalla do Círculo Recreativo e Cultural de Torroso.

O importe total deste novo parque infantil ascendeu a 49.961,47 euros e foi subvencionado nun 60% (29.976,88 euros) pola Dirección Xeral de Administración Local da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, ao abeiro da liña de axudas para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e quipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o ano 2018.

Con este parque dáse continuidade á mellora integral da zona de Puxeiros que se está a promover dende o Concello de Mos e xa se viu reflectida na obra de humanización da Avenida de Puxeiros.

A zona de Puxeiros, na parroquia de Tameiga, ata o de agora carecía dunha área coas características necesarias para acoller ó gran gran número de nenos que hai na contorna. Polo tanto, dende o Concello buscouse ofertar estes servizos aos veciños do lugar coa creación dun novo parque infantil nunha zona que estaba infrautilizada.

A obra incluiu os traballos necesarios para a creación dun parque infantil, elemento de interese público, que se instalou nunha parcela pública de titularidade municipal, que se atopa situada nun entorno moi poboado, o que supón unha vantaxe.

Ao tratarse dunha zona moi transitada resulta excelente a instalación dunha área de lecer na mesma.

“Resultaba moi necesaria esta actuación porque a parcela municipal na que se actuou con este proxecto está nun ámbito moi transitado polos veciños e supuxo unha actuación de recuperación e posta en valor. Na actuación promoveuse a recuperación do espazo centrándose na instalación dun parque con temática de esparcemento e xogo dos nenos/as coa idea de realizar actividades no entorno, como as programadas para este Nadal”, explicou Arévalo, rexedora local .

Descrición das obras

A proposta encaixa ambientalmente co entorno e pon en valor a parcela municipal. O que se pretendeu con esta actuación foi a revitalización desta zona verde e atender á demanda veciñal de dotala cun maior valor lúdico.

As obras consistiron na adecuación do terreo para obter as sub-bases necesarias para garanti-la estabilidade do firme. Para o cal foi necesario o desbroce e nivelación da superficie afectada (12x20m), así como o aporte de xabre compactado. Vertido e nivelación da soleira de formigón dun espesor de 10 cm. Acondicionamento da superficie coa instalación de pavimento de caucho continuo en aqueles elementos de xogo que teñan unha altura de caída igual ou superior a 1 m e céspede artificial antiestático no resto da zona.

Posteriormente procedeuse á instalación dos elementos de xogo que compoñen o parque infantil, sendo o reto principal no deseño desta área a temática do esparcemento.

Os elementos instalados foron un pórtico de columpio de metal dobre con asento plano e cuna, un pórtico de columpio de metal con asento tipo cesta, un xogo xiratorio cun asento adaptado a nenos con discapacidade, un equipo combinado de dúas torres con acceso por escada metálica, paredes de escalada e rede vertical de corda, comunicadas por unha ponte fixa e saída por tobogán; un xogo de muelle individual, un xogo de muelle para dous e un balancín para dous usuarios.

Quedando desta forma un parque infantil totalmente adaptado á normativa vixente en seguridade de áreas de xogo infantís.

Tamén se contemplou á hora de deseñar a área de xogos a inclusión de tódolos nenos, independientemente das posible minusvalías que poidan sufrir, conseguindo deste xeito que tódolos nenos se integren totalmente no xogo e que poidan acceder facilmente ás instalacións, tanto os nenos como os pais ou acompañantes.

A obra rematouse coa instalación da valla perimetral de cerramento de seguridade. E por último a instalación do cartel informativo e dun valo de madeira tratada en todo o perímetro. Toda a instalación do parque ten as medidas de seguridade e saúde segundo a normativa vixente, así como o respecto ao medio ambiente.