O reitor analiza co embaixador de Canadá en España novas vías de cooperación

Publicado por o día 03/10/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O reitor analiza co embaixador de Canadá en España novas vías de cooperación

“En case todas as dimensións de cooperación que temos traballamos moi ben xuntos, temos moito en común, na nosa maneira de ser, de ver o mundo e cando hai cooperación entre ambos os dous países sempre é frutífera e positiva. Non obstante  dende o noso punto de vista non nos coñecemos o suficiente para ser dous países que compartimos moito”. Nestes termos analiza Matthew Levin, embaixador de Canadá en España a relación entre ambos os dous países, un vínculo que nun futuro podería reforzase no caso concreto da Universidade de Vigo, con cuxo reitor, Manuel Reigosa, o diplomático canadiano mantivo un encontro nas últimas horas. “Puxemos en común as liñas de investigación nas que somos máis potentes e tamén falamos da especialización dos campus e creo que o embaixador se levou unha imaxe clara de en que podemos colaborar”, explica o reitor da Universidade de Vigo, que sinala que cómpre axudar aos investigadores e investigadoras para que crucen dun lado e doutro do Atlántico e “que todos saiamos beneficiados dese intercambio”.

Levin, pola súa banda, confirmou o interese manifestado por Reigosa en relación coa investigación e a ciencia mariña , “que tamén se estuda de xeito significativo nalgunhas universidades de Canadá e neste campo imos comezar a explorar como podemos colaborar”. O embaixador lembrou que o país ao que representa ten moitos acordos e memorandos de entendemento con diferentes universidades españolas, ao tempo que manifestou a súa impresión “superpositiva do campus de Vigo”, na primeira visita institucional que realiza a Galicia desde que foi nomeado embaixador en España en setembro de 2016.