O remate das obras da ponte da Barca esixe o corte dun carril a partir do luns ao impedir o Concello de Pontevedra os traballos nocturnos

Os técnicos da Axencia Galega Infraestruturas consideran imprescindible a medida para poder afrontar o treito final da renovación da ponte no menor prazo posible, prevéndose no mes de marzo
Por o 06/02/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra
O remate das obras da ponte da Barca esixe o corte dun carril a partir do luns ao impedir o Concello de Pontevedra os traballos nocturnos
Compartir en:

O remate das obras da ponte da Barca esixirá o corte a partir dun luns dun carril ao impedir o Concello de Pontevedra os traballos nocturnos, o que contrasta co municipio de Poio, onde non se produciron estes impedimentos.

A Consellería de Infraestruturas tivo que considerar esta alternativa para poder afrontar este treito final da renovación da ponte no menor prazo posible, prevéndose no vindeiro mes de marzo.

A Xunta vén de trasladarlle ao Concello de Pontevedra que se prevé pechar a circulación neste carril entre as 9.30 horas da mañá, ao pasar a hora punta de tráfico, e as 20 horas, aproximadamente. O sentido do tráfico será sempre de saída, aínda que se estea traballando alternativamente nos dous carrís.

As obras, que comezaron en agosto, están actualmente centradas na renovación da marquesiña. Para evitar a afección ao tráfico, desenvólvense fundamentalmente en horario nocturno, pero estes días a Policía Local de Pontevedra vén paralizando eses traballos por considerar que xeran demasiado ruído, o que obrigou a buscar outra alternativa para avanzar nas obras.

O Goberno galego trasládalle as súas desculpas aos usuarios e aos cidadáns polas molestias que esta medida vai causar pero que, como xa se explicou, se adopta por razóns alleas á planificación da obra.

Cómpre lembrar que os obxectivos deste proxecto, no que a Xunta inviste 1,2 millóns de euros, son mellorar o estado de conservación da infraestrutura e prolongar a súa vida útil, así como acometer unha renovación integral da marquesiña de madeira deteriorada, incluíndo unha cuberta de aluminio e unha nova iluminación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.