O restaurante do Centro Galego, referente da cociña galega actual en Barcelona

Dous anos despois da súa apertura, o Louro enche o seu comedor case a diario e recibe as mellores puntuacións e opinión nas webs gastronómicas e en medios de comunicación.
Publicado por o día 31/08/2019 na sección de Alimentación

O restaurante do Centro Galego, referente da cociña galega actual en Barcelona

A utilización das mellores materias primas, traídas desde Galicia e a combinación das receitas tradicionais coa innovación teñen convertido ao restaurante do Centro Galego, o Louro, nun referente da cociña galega actual en Barcelona malia a súa aínda curta traxectoria.

A elaboración de pratos baseados na tradición culinaria galega pero con toques vangardistas e de fusión con outras culturas gastronómicas fai que, dous anos despois da súa apertura, o Louro enche o seu comedor case a diario, especialmente polas noites, e reciba as mellores puntuacións e opinión nas webs gastronómicas e en medios de comunicación.

Os propietarios do grupo de restaurantes que contaba xa na cidade condal co Arume, o Cera23 e o Viana, todos eles de gran prestixio, fixéronse coa concesión do establecemento do Centro Galego, que remodelaron facendo del un local acolledor, elegante e moderno, salpicado de elementos tradicionais na súa decoración. A directiva do Centro Galego decidiu en 2017 volver contar con restaurante nas súas instalacións, anos despois do peche do existente anteriormente, como forma de promocionar Galicia a través da gastronomía. Unha aposta que rapidamente descubriuse como un éxito e que complementa á perfección a actividade do Punto de Información Turística de Galicia situado tamén no Centro.