O ‘Revitaliza’ compostará preto de 1.000 litros de lixo orgánico da Festa dos Callos de Salceda

Mestras e mestres composteiros da Deputación repartiron agasallos e compost entre medio milleiro de persoas que se achegaron á carpa da compostaxe

Obxectivo acadado: a XXVII Festa dos Callos de Salceda non só foi un éxito de público e conseguiu vender todas as racións preparadas, senón que é tamén un evento gastronómico dos máis sustentables para o medio ambiente na provincia de Pontevedra. A cidadanía que acudiu onte a Salceda para comer unha ración de callos colaborou totalmente na iniciativa de reciclar o 100% do lixo e depositou nos colectores correspondentes os diferentes tipos de residuos.

Só no referido aos restos orgánicos recolléronse preto dunhs 1.000 litros (uns 250 de restos de callos e uns 750 de anacos de pan) que foron trasladados aos composteiros comunitarios que hai na vila -A Devesa, Raíña Aragonta e A Gándara- para producir compost baixo a supervisión das mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación. Estes biorresiduos convertiranse en poucos meses, logo de misturalos con estruturante, en aproximadamente uns 200 litros de fertilizante natural.

O persoal técnico provincial destacou que a iniciativa, na que colaborou o Concello de Salceda a través das concellerías de Festas e de Medio Ambiente, foi todo un éxito e tivo moi boa acollida entre o público, xa que a práctica totalidade das e dos asistentes cumpriu coa separación do lixo xerado durante o xantar utilizando as sete illas de reciclaxe habilitadas, deixando os restos da comida no seu colector, o vidro noutro, e os envases noutro.

Tamén foi un éxito o stand informativo do Revitaliza, sempre ateigado de xente participando no coñecido como ‘Xogo da miñoca’, co que as mestras e mestres compostadores da Deputación explicaron as vantaxes da compostaxe e repartiron agasallos e uns 200 quilos de compost en bolsas. En total pasaron polo stand máis de medio milleiro de persoas, principalmente da provincia de Pontevedra, pero tamén doutras localidades galegas amosándose moi interesadas no proxecto da institución provincial para replicalo nas súas vilas de orixe.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM