O Revitaliza, nas novas illas de reciclaxe integral de Vilaboa

Habilitaranse 15 depósitos de estruturante para que os 1.200 fogares con composteiros individuais dispoñan de material leñoso co que mesturar os seus biorresiduos para compostalos
Publicado por o día 13/02/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

O Revitaliza, nas novas illas de reciclaxe integral de Vilaboa

Plan Revitaliza da Deputación terá parte protagonista nas novas 15 illas de reciclaxe integrais que se habilitarán no Concello de Vilaboa. Dado que a compostaxe está xa moi estendida no municipio, estes puntos, ademais de ser lugares de referencia para depositar as diferentes fraccións dos residuos domiciliarios (envases lixeiros, vidro, papel, roupa, aceites, pilas e outros materiais que se recollerán cun punto limpo móbil), contarán tamén cun depósito de estruturante no que as persoas usuarias dos 1.200 composteiros individuais repartidos na localidade poidan coller o material leñoso co que mesturar os seus biorresiduos para compostalos.

O persoal técnico do Revitaliza lembra que no proceso da compostaxe precísanse materiais vexetais secos, preferentemente leñosos, triturados ou partidos, que se deben mesturar cos biorresiduos húmidos –restos de comida e vexetais verdes– para conseguir o compost final. Os materiais secos, moi ricos en carbono, denomínanse estruturante posto que a súa principal función é a de dar ‘estrutura’ ao material a compostar –permiten que se airee e compensan a humidade– e a súa achega é unha das regras básicas para compostar correctamente.

Como estruturante pódense utilizar restos de poda triturada, follas secas, serraduras, labra de madeira natural, palla ou herba seca. As casas con horta ou xardín que dispoñan dese material pódeno utilizar perfectamente, pero se non se ten –ou non é suficiente– é necesario dispoñer de achegas externas que, neste caso, estarán a disposición da veciñanza nas 15 illas de reciclaxe integral.

Hai que lembrar que todas aquelas persoas que teñan excedentes de poda ou madeiras poden depositalas no Punto Verde de recollida no monte do Cabalo, onde deixalas gratuitamente cumprindo así a dobre función de non colapsar os colectores verdes ordinarios e de achegar material leñoso para que despois o Concello o converta en estruturante para compostar.

Reunión veciñal

Co fin de explicar estas e outras cuestións relativas á compostaxe, á reciclaxe en xeral e ás novas 15 áreas de reciclaxe integral que se habilitarán en Vilaboa, o vindeiro domingo terá lugar unha charla informativa na que estará persoal do Revitaliza e tamén do Concello.

Será ás 12 da mañá na casa da cultura de Riomaior, e nesta ocasión estará destinada

a unha parte das vivendas do barrio de Magarella, onde están programadas polo menos dúas reunións máis. A rolda informativa seguirá proximamente por outras zonas, nas que se avisará convenientemente para facilitar a asistencia á cidadanía.

Este sistema para poñer o estruturante a disposición dos 1.200 fogares con composteiros individuais en Vilaboa engádese aos outros elementos do Plan Revitaliza da Deputación despregados no municipio para facilitar a compostaxe do lixo orgánico. Nestes momentos están a funcionar tanto centros de compostaxe comunitaria como un sistema de apoio a xestión da materia orgánica en grandes produtores –no que participa practicamente a totalidade da hostalaría do concello–, e o Punto Verde de monte de Cabalo para o tratamento de fracción vexetal e algas.

Hai que lembrar que en Vilaboa lévanse repartidos desde 2017 uns 1200 composteiros domésticos e téñense feito 2.797 visitas de seguimento a domicilio para comprobar o correcto funcionamento e resolver as dúbidas da veciñanza.