O rexedor anuncia o reto “superlativo” de acadar 10.000 participantes na San Silvestre, solidaria un ano máis

“Queremos polo menos 10.000”. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe a San Silvestre 2018, que por sexto ano consecutivo aposta pola contorna da Praza de Compostela e o Casco Vello e vaise celebrar o derradeiro día do ano, luns, ás 17:00 horas.
Por o 21/11/2018 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O rexedor anuncia o reto “superlativo” de acadar 10.000 participantes na San Silvestre, solidaria un ano máis
Compartir en:

Acompañado por representantes dos patrocinadores privados (Gadis, Hyundai Hyupersa, Máis que Auga, Frutas Nieves, Decathlon, Elevaciones Rama e Coca-Cola) e polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o rexedor explicou que tralo éxito das últimas edicións, Vigo busca un novo récord: “O ano pasado tivemos 8.000 participantes, e este queremos polo menos 10.000. É a razón de presentalo agora, para que todo o mundo saiba. Ímolo pasar ben”, dixo.

O Concello asume un ano máis a organización e patrocinio principal do evento. O alcalde afirmou que é “unha festa do deporte en familia, é un percorrido de 4 quilómetros para camiñar ou para correr, e imos tratar de irnos a un número de participantes superlativo”. En 2016 foron 7.000 persoas e hai doce meses, 8.000.

Caballero sinalou a San Silvestre como “unha proba festiva atlética extraordinaria” e lembrou “a súa vistosidade” grazas ao cada vez máis importante número de persoas que acoden disfrazadas. Este ano de novo haberá unha chea de premios para grupos e individuais.

A inscrición será gratuíta na web de Magma Sports (www.magmasports.es) dende hoxe mesmo e en Decathlon (do 26 ao 30 de decembro) se poderán recoller os dorsais.

A solidariedade tamén aparecerá este ano e os que acheguen alimentos non perecedoiros á carpa do Banco de Alimentos, ese día 31 na Alameda, recibirán un gorro de Papá Noel. Na suma dos tres últimos anos os participantes aportaron 10.000 quilos ao Banco de Alimentos. “Este é o xeito de participar e de facer running. Este ano non me toca, pero Manel si vai facela”, indicou cun sorriso o alcalde.

Comentar noticia

Your email address will not be published.