O rexedor augura unha final de nivel mundial mañá na Supercopa de Balonmán Feminino

Abel Caballero presentou este venres a XVIII Supercopa de España de balonmán feminino que enfronta mañá ao Mecalia Guardés e o Rocasa Gran Canaria (18:00 horas, As Travesas) e felicitou a Carlos Viver, seleccionador nacional absoluto feminino, “por tantos éxitos e avances na modalidade”
Publicado por o día 01/09/2017 na sección de Concello de Vigo,Deportes,Galicia,Vigo

O rexedor augura unha final de nivel mundial mañá na Supercopa de Balonmán Feminino

Abel Caballero presentou este venres a XVIII Supercopa de España de balonmán feminino que enfronta mañá ao Mecalia Guardés e o Rocasa Gran Canaria (18:00 horas, As Travesas) e felicitou a Carlos Viver, seleccionador nacional absoluto feminino, “por tantos éxitos e avances na modalidade”. 

O alcalde, acompañado polos presidentes da Real Federación Española de Balonmán e da Galega, Francisco Blázquez e José Luís Pérez Ouro, respectivamente, ademais do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, do seleccionador nacional e dos presidentes dos clubs, o “local” José Manuel Silva (Guardés) e Antonio Moreno, pediu á cidadanía “que veñan e gocen de toda esta gran acción deportiva, deste gran trofeo entre o campión de Liga e o campión da Copa da Raíña. Este é un partido de nivel europeo, de nivel mundial, é o mellor que se pode ter en balonmán feminino”.

O xefe do goberno municipal non ocultou que “como é natural, quero que gañe o Guardés, están aquí ao ladiño”, aínda que desexou “os mellores éxitos ao Rocasa”.

Antes da rolda de prensa, Caballero recibiu no seu despacho á representación do balonmán nacional e tamén aos clubs vigueses e xogadoras que participarán este sábado pola mañá no I Trofeo Concello de Vigo de balonmán herba. “Dende as 10:00 vai haber campionatos”.

Para o alcalde, que este choque se xogue en Vigo “debémolo á gran tempada do Mecalia Atlético Guardés e á súa forma de facer balonmán”, e subliñou as “tantas e tantas accións” previas ao redor da final, que inclúen tamén a final da Copa Galicia masculina (15:45 horas).

Pola súa banda, o presidente da Rfebm manifestou que “Vigo é a nosa cidade de balonmán. A Federación Galega foi parte importantísima para que esta Supercopa se puidera realizar”, pero valorou especialmente “que se conseguiu que Vigo, tradicionalmente unha cidade onde os equipos punteiros foron sempre os masculinos, se quixo significar coa faceta feminina. É un acerto e un éxito non só organizar esta Supercopa feminina senón tamén as actividades paralelas que imos facer”.

O máximo dirixente deportivo do balonmán español tamén lembrou que “Vigo é cidade especialmente protagonista porque comezamos con esta Supercopa, pero continuaremos deica pouco co Torneo Internacional de España e onde ao tempo estaremos co Campionato de España de seleccións autonómicas”, indicou Blázquez.