O río Verdugo e a fonte luminosa, protagonistas nos premios dos concursos gráficos da Festa da Troita

A votación popular escolleu os traballos gañadores
Publicado por o día 04/04/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O río Verdugo e a fonte luminosa, protagonistas nos premios dos concursos gráficos da Festa da Troita

A veciñanza de Ponte Caldelas falou e xa hai gañadores para os concursos de carteis e de fotografía da 53ª edición da Festa da Troita. O río Verdugo, como é habitual, foi protagonista, pero a nova fonte luminosa de Ponte Caldelas fíxose un oco entre o elenco das imaxes elexidas.

De entre as 19 carteis presentados resultou gañador o denominado Verdugo Duende, do que resultou ser autora María del Carmen Guzmán Araújo. O cartel está elaborado en formato lenzo e representa unha vista do río Verdugo coa escultura do pescador sostida por unha moza. O deseño xoga cunha mestura de cor e branco e negro.

De entre as 61 fotografías presentadas resultou distinguida no primeiro lugar a titulada Sen auga non hai fío, de Marcos Fernández Mosquera. O segundo posto foi para Unha nova era, de Vanessa Veiga Castro, e o terceiro para Entre xigantes, de Amaya Duarte Álvarez. A fotografía gañadora aposta polas fervenzas da Roca, no barranco do Verdugo; o segundo premio pola fonte da praza de España e o terceiro volve ser unha paraxe, augas abaixo do Verdugo.

Os gañadores acadaron premios económicos de 400 euros para o mellor cartel, e de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, para as tres mellores fotografías.

O Goberno local de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) volveu apostar pola fórmula do concurso para a elección dos carteis e fotografías, que agora van ser incorporados ao libriño-programa da Festa da Troita, e destaca a importancia de manter este tipo de convocatorias nun contexto no que, cada vez máis, este tipo de traballos encárganse directamente sen abrilos á participación pública.

A votación celebrouse a semana pasada e o reconto foi elaborado esta mesma mañá. Tódalas obras estiveron expostas na Casa da Cultura e só puideron votar as persoas empadroadas en Ponte Caldelas. Previamente, un xurado composto por membros da Corporación municipal e por profesionais da imaxe seleccionou os tres mellores carteis e as 9 mellores fotografías, que foron as que puideron ser votadas polo público.