O Rosal aprobará un orzamentos que priorizan máis que nunca ás persoas

Para este 2021 increméntase o gasto corrente e social e se inclúen investimentos que apostan polo benestar social, a igualdade, a cultura, o deporte, o desenvovemento local, a mobilidade sostible, as traídas de augas ou a sostibilidade ambiental. O pleno celebrarase este xoves 28 de xaneiro ás 20.30 horas
Publicado por o día 25/01/2021 na sección de Galicia

O Concello do Rosal aprobará este xoves 28 en pleno uns orzamentos reestruturado tendo en conta a nova realidade e “tecidos para aplicar políticas que prioricen máis que nunca ás persoas”. “As circunstancias que preceden e engloban os orzamentos para este 2021 obrigounos a reinventarnos para seguir proxectando, camiñando e progresando antepoñendo a saúde pública. As situacións excepcionais requiren de respostas excepcionais e na administración local debemos empregar todas as competencias e mecanismos á nosa disposición para sumar na reactivación social e económica respectando, colaborando e dando cumprimento a todas as medidas de saúde pública”, explica a alcaldesa Ánxela Fernández.

Estes orzamentos superan os 3,3 millóns de euros e contemplan un importante incremento no gasto corrente e social, ademais da inclusión de investimentos que apostan polo benestar social, a proximidade, a igualdade, a cultura, o deporte, o desenvolvemento local, a transformación en termos de mobilidade sostible, as traídas de augas ou a sostibilidade ambiental facendo un esforzo a prol da elaboración de proxectos de eficiencia nas liñas de actuación nas que camiña a Unión Europea.

Coa análise da execución dos tres exercicios anteriores, e tratando de que os créditos previstos sexan suficientes para recoller o gasto corrente previsto, incrementouse nun 9% a partida de gastos en bens correntes e servizos, que ronda os 1,5 millóns de euros. Destaca tamén o importante esforzo do Goberno local por mellorar o servizo de atención á dependencia, que incrementará nun 29% o número de horas e contará cun orzamento total asignado de case 220.000 euros.

Por primeira vez, estes orzamentos apostan pola colaboración coas traídas de augas nun sentido amplo, a través dunha liña de subvencións para o investimento nas traídas de augas veciñais e tamén implementando gasto corrente para a realización de analíticas. Para a rexedora “é un paso importante na posta en valor dun eido de implicación da veciñanza nun elemento tan esencial na vida das persoas como é a auga”.

Por outra banda, consolídase e increméntase o investimento en promoción cultural, que se adapta ás características demográficas do municipio, cunha veciñanza dispersa e envellecida. O Goberno municipal continúa así a súa aposta por levar a cultura aos barrios, “facilitando o seu acceso a todas as persoas e con eventos totalmente adaptados á nova realidade”. Unha programación cultural na que a igualdade xogará un papel importante “máis alá dos meses habituais nos que hai programación desta temática” e na que se fará tamén un esforzo importante na colaboración e visibilización das festas populares do concello.

Incremento tamén do 7,2% para subvencións municipais correntes que, como todos os anos, se centran na súa maioría en apoiar iniciativas relacionadas con servizos sociais, na que se duplica a dotación, e actividades deportivas e culturais. A distribución dos máis de 321.000€ deste apartado farase a través do Plan Estratéxico de Subvencións, un instrumento pioneiro posto en marcha polo Goberno municipal para realizar unha planificación detallada a medio e longo prazo das distinta axudas ao tecido asociativo, “apoiando na medida do posible o traballo que desenvolven en distintos eidos as asociacións rosaleiras coa implicación da veciñanza, contribuíndo a  mellorar a realidade do noso concello”.