O salón CarOutlet Vigo reúne de novo preto dun milleiro de coches de ocasión de concesionarios á venda esta fin de semana

Esta feira ofrece vehículos de todas as gamas con ofertas especiais, no último evento do ano que busca liquidar stock de almacén aos mellores prezos
Publicado por o día 20/11/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

O salón CarOutlet Vigo reúne de novo preto dun milleiro de coches de ocasión de concesionarios á venda esta fin de semana

O 8º Salón CarOutlet Vigo chega novamente este venres ao Ifevi con ao redor dun milleiro de coches de concesionarios oficiais á venda, no que supón o último gran certame na zona noroeste do país para liquidar stocks.

Por iso, espéranse moi boas ofertas, en especial porque a xornada inicial do venres coincide co Black Friday, e, como xa pasou o ano pasado, algunhas casetas recollen ofertas a maiores para ese día.

En xeral, os concesionarios oficiais envórcanse nesta gran cita do motor de ocasion, que está orientada á liquidación de vehículos automatriculados, seminuevos, xerencia, quilómetro cero ou de frotas de aluguer.

O Salón, que foi presentado esta mañá na sede de Eventos do Motor, encherá os pavillóns 1 e 2 do recinto feiral de Vigo, o que supón uns 650 vehículos en exposición, que sumándolle as renovacións que se fan en cada xornada polas sucesivas vendas, alcanzará previsiblemente a cifra de preto de 1.000 coches en total nestes tres días.

Os asistentes poderán comparar multitude de vehículos pagando unha entrada de só 2 euros, con acceso gratuíto a nenos menores de 10 anos. Ademais, como é costume a organización doará a metade da recadación a Aldeas Infantís SOS de Galicia.

CarOutlet Vigo 2019 abrirá as súas portas desde as 16,00 horas do venres 22 ata as 21,00 horas. O horario do sábado será 11,00 a 21,00 horas e o domingo abrirá de 11,00 a 20,00 horas.

Gran oportunidade de atopar coche

Este certame é unha das mellores oportunidades para aqueles cidadáns que busquen un coche de segunda man con garantía, pois os concesionarios oficiais están obrigados a cubrir polo menos por un ano o modelo que se venda.

Ademais, dentro do proceso de compra poderán ampliar a cobertura da mesma, negociar algún extra ou algunha revision mecánica, financiar a súa adquisición e, en xeral, todas aquelas vantaxes que adoitan ofrecer as marcas.

Ademais, ao tratarse dunha feira final de ano, moitos concesionarios buscan liquidar parte do seu stock de almacén, polo que os visitantes que se acheguen poden atopar importantes aforros no modelo á venda.

O salón mantén como obxectivo superar as cifras da edición de 2018, que foron duns 450 coches vendidos e case 18.000 visitantes.

As vendas de vehículos de ocasión na comunidade galega no que vai de ano experimentan unha lixeira caída do 2,4% respecto a 2018, con 89.357 transferencias de titularidade.