O Sarmiento de Gamboa estará no Porto de Vigo desde hoxe ata o venres

O buque oceanográfico do Consello Superior de Investigacións Científicas “Sarmiento de Gamboa” chega mañá ao Porto de Vigo, onde está a súa base de operacións, para albergar durante catro días as visitas guiadas de “Ciencia no Porto”.

O buque oceanográfico do Consello Superior de Investigacións Científicas “Sarmiento de Gamboa” chega mañá ao Porto de Vigo, onde está a súa base de operacións, para albergar durante catro días as visitas guiadas de “Ciencia no Porto”.
 
Esta iniciativa quere dar a coñecer o Sarmiento de Gamboa, unha das Instalacións Científico Técnicas Singulares do CSIC, á sociedade mediante diversas accións que inclúen visitas guiadas ao buque por persoal científico e técnico do CSIC.
 
O obxectivo principal é poñer en valor a investigación mariña e sensibilizar á sociedade sobre a importancia do coñecemento de océano.
 
Ciencia no Porto desenvolveuse por primeira vez no ano 2007 cando, aproveitando as escalas do buque en diversos portos (Vigo, A Coruña, Celeiro, Santander, Lisboa, Cádiz, Barcelona, Palma de Mallorca, Valencia e Las Palmas de Gran Canaria) CSIC e FECYT organizaron visitas guiadas para mostrar as instalacións do buque e dar a coñecer as Ciencias Mariñas.
 
En 2018, de novo, ambas as entidades promoven a iniciativa para alcanzar o mesmo labor a través de visitas guiadas, charlas con persoal científico, produción de material didáctico e audiovisual e conexións desde o buque entre persoal científico e técnico do CSIC con centros educativos. Polo momento, a actividade levouse a cabo en Cádiz (24 de setembro, do 1 ao 2 de novembro) e Barcelona (24 de setembro-1 de outubro).
 
As actividades están coordinadas pola Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia (Delegación Institucional).
 
As visitas guiadas ao Sarmiento de Gamboa, cuxa instrumentación e laboratorios permiten investigar os recursos e riscos naturais, o cambio global, os recursos mariños, a circulación oceánica global e a biodiversidade mariña, organízanse para grupos de 20 persoas os días 6, 7, 8 e 9 de novembro.
 
En horario de mañá (10.00-11.30 horas e 11.30-13.00 horas) diríxense a centros educativos con alumnado de ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos e universitarios. O martes 6 de novembro haberá unha visita con intérprete de LSE para persoas xordas.
 
A día de hoxe só hai prazas dispoñibles horario de tarde (15.00-16.30 horas) de martes a venres. O mércores 7 de novembro en horario de 16.30-18.00 horas haberá unha visita con interprete de LSE para aqueles participantes que o necesiten.
 
Todas as visitas son gratuítas previa reserva a través do correo electrónico ucc.galicia@csic.es (indicar nome e apelidos, ano de nacemento -recomendado para maiores de 10 anos-, correo electrónico, teléfono de contacto, especificando data e horario solicitado para a visita). Os participantes nas visitas deberán estar 10 minutos antes da hora na porta de acceso. Por motivos de accesibilidade, non se permite a entrada ao buque a persoas maiores de 75 anos ou con mobilidade reducida. A actividade podería ser cancelada ou modificada en función das necesidades operativas do buque.
 

O Sarmiento de Gamboa

 
É unha das catro embarcacións dedicadas á investigación científica nas que o CSIC participa, de forma integral ou parcial, na súa xestión loxística e mantemento tecnolóxico. Á lista hai que sumar os buques oceanográficos Hespérides (propiedade da Armada española), García do Cid e Mytilus. Todos eles prestan servizos tanto a equipos científicos de diferentes centros do CSIC, como a outras institucións nacionais e internacionais, pero ademais tanto o Hespérides como o Sarmiento de Gamboa, polas súas particulares dimensións, características e custos, son considerados “Infraestruturas Científicas e Tecnolóxicas Singulares ( ICTS)”.
 
As ICTS constitúen un selecto grupo de instalacións únicas e excepcionais cun alto custo de investimento e mantemento, grazas ás cales é posible a materialización de proxectos de vangarda que pola súa propia natureza necesitan espazos e equipamentos especiais que non se adoitan atopar nun laboratorio convencional. Os tipos de ICTS son moi variados, e van desde buques oceanográficos, como os mencionados Hespérides e Sarmiento de Gamboa, ata un espazo natural como a Reserva da Estación Biolóxica de Doñana (Huelva), pasando por observatorios astronómicos como o de Calar Alto (Almería), ou o Laboratorio Europeo de Radiación Sincrotrón ( Grenoble, Francia), no cal España participa, a través da xestión do CSIC, cun catro por cento do seu orzamento total.
 
A característica principal das ICTS, que as distingue doutras grandes instalacións, é que polo seu carácter excepcional e a magnitude de orzamento público nelas investidas, deben ofrecer unha porcentaxe da capacidade dos seus servizos esenciais en réxime de acceso aberto competitivo para o uso por investigadores do sector público e privado, nacional e internacional, contando co apoio do persoal técnico e administrativo propio das ICTS.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM