O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de onte xunto á secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, dos actos con motivo do 110 aniversario da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) e a visita do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales que tiveron lugar no Estadio Municipal Vero Boquete de San Lázaro.
Tras a visita á exposición ‘Galicia como fútbol’, sobre os feitos máis relevantes da historia do fútbol en Galicia reinaugurada na sede da RFGF en Santiago, o secretario xeral para o Deporte asegurou na súa quenda de palabra da Asemblea Extraordinaria que “Galicia é fútbol, como demostran as máis de 90.000 licenzas de deportistas federados coas que conta a Federación a día de hoxe, case o dobre dos que había en 2009 (48.175) e cun aumento das licenzas femininas do 700% pois naquel ano eran 960 e hoxe suman 6.731”.
Precisamente o mandatario galego fitou cara o fútbol feminino para valorar todos os cambios logrados desde 1924 cando Irene González Basanta convertíase na primeira muller futbolista en Galicia e en España. Lete Lasa destacou a “especial atención” da Xunta neste eido e lembrou que nos Premios do Deporte Galego 2018 catro galardoadas representan o fútbol feminino galego como son Malena Mieres García, Teresa Abelleira Donas e Nuria Rábano Blanco como mellores deportistas revelación e as mozas do Peixes Rubén de Burela como mellor equipo feminino. Neste sentido, valorou os esforzos do presidente da RFEF para acadar o primeiro convenio colectivo do fútbol feminino español xa que “ese é o papel das federacións deportivas: colaborar, organizar e promover a modalidade deportiva en xeral”.
110 anos de historia
O secretario xeral felicitou á Real Federación Galega de Fútbol polos seus 110 anos de historia e subliñou que naceu tan só un mes despois do “primeiro movemento asociativo do fútbol español, cando se constituíu a Federación Española de Clubs de Football” e catro anos antes de que a RFEF fora fundada en 1913. “A RFGF leva impulsando o fútbol galego desde que en España existiron as primeiras asociacións de clubs”, dixo.
Deste século e dez anos de historia, Lete Lasa valorou tres momentos históricos de importancia como a inclusión da federación galega no programa Xogade no ano 2011, o proceso de integración da Federación Galega de Fútbol Sala na Federación Galega de Fútbol en 2017 e a consecución do título de Real, concedido polo Rei Felipe VI mediante unha credencial de data 26 de xuño de 2017.
O secretario xeral ratificou o compromiso da Xunta co fútbol galego como demostra que sexa a segunda federación con maior investimento autonómico, tan só detrás de piragüismo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.