O sector da minaría e fabricación de produtos minerais non metálicos xera en Galicia máis de 11.000 postos de traballo

O Instituto Galego de Estatística publica hoxe unha análise sobre esta actividade
Publicado por o día 31/01/2019 na sección de Economía,Emprego

O sector da minaría e fabricación de produtos minerais non metálicos xera en Galicia máis de 11.000 postos de traballo

O sector da minaría e produtos minerais non metálicos xera en Galicia 11.211 postos de traballo e achega o 0,7% do Produto Interior Bruto (PIB) da economía autonómica -419 millóns de euros-, segundo reflicte un estudio sobre esta actividade publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Eses máis de 11.000 postos de traballo supoñen o 1% do emprego total, mentres que o sector representa un 4,3% do valor engadido xerado dentro do sector industrial e enerxético galego. A composición interna do sector reflicte que as actividades de transformación industrial (fabricación doutros produtos minerais non metálicos) son as que predominan, especialmente no que se refire ao emprego.

En relación co sector no conxunto estatal, o estudo do IGE mostra que Galicia destaca pola súa especialización na industria extractiva, e tamén por ter unha capacidade para crear valor superior.

No que se refire a industria extractiva, Galicia destaca pola obtención de produtos de canteira e rochas ornamentais, fundamentalmente lousa e granito. Así, no ano 2016, a comunidade autónoma produciu o 41% das rochas ornamentais do conxunto estatal.

Sector básico

Este sector, tanto na extracción como na fabricación, identifícase como básico na economía galega, ao ser subministrador de inputs para outras ramas de actividade da economía e que, polo tanto, ten fortes encadeamentos cara adiante.

A minaría ten presenza en practicamente todas as comarcas galegas, pero destaca a de Valdeorras, que xera o 38,6% do Valor Engadido Bruto (VEB) do sector mineiro. A comarca é responsable de 9 de cada 10 euros xerados polo sector na provincia ourensá e o 26% do PIB de Valdeorras provén do sector da minaría.

Este informe forma parte da serie iniciada en 2013 coa cadea forestal-madeira, e que continuou coa automoción, a pesca, o sector cultural, o sector do transporte e o do téxtil.

Comentar noticia

Your email address will not be published.