O sector hoteleiro galego mellorou en agosto as súas tarifas e rendibilidabe tras acadar a estadía media máis alta en oito anos

Galicia avanza nos obxectivos de calidade da Estratexia do turismo 2020 e consolida o crecemento do último lustro tras obter máximos históricos o pasado ano
Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Turismo

O sector hoteleiro galego mellorou en agosto as súas tarifas e rendibilidabe tras acadar a estadía media máis alta en oito anos

Máis de 634.000 turistas aloxáronse o pasado mes de agosto nos establecementos hoteleiros de Galicia, onde realizaron preto de 1,5 millóns de noites. Son viaxeiros que atoparon motivos para permanecer máis tempo na nosa Comunidade, pois a estadía media experimentou unha mellora do 3%, acadando así o dato máis elevado en oito anos e favorecendo a evolución de diversas variables cualitativas.

En concreto, o sector hoteleiro galego viu melloradas un 3,7% as súas tarifas no oitavo mes do ano de acordo cos datos difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Este feito, unido a diversos aspectos, permitiu que os empresarios optimizaran a súa rendibilidade medida a través do RevPAR, ingreso medio por habitación dispoñible. Este parámetro subiu un 1,3% ata a cifra máis alta da década contribuíndo a un turismo de maior calidade.

Galicia avanza así no crecemento do último lustro despois de que en 2017 se superaran os máximos históricos de viaxeiros e de pernoitas. Neste caso, 2018 amosa un comportamento máis moderado que os récords do ano pasado, pero superior á serie histórica anterior.

Coas cifras de agosto, os hoteis galegos suman xa máis de 2,8 millóns de turistas aloxados e 5,8 millóns de noites, con notables avances novamente tanto nos prezos como na estadía.

Así, no período comprendido entre xaneiro e agosto, os ingresos do sector estímanse en arredor de 200 millóns de euros, coa súa correspondente repercusión no desenvolvemento socioeconómico de diferentes xeodestinos da Comunidade e na xeración de emprego.

Un 8% máis de peregrinos

No eido particular do Camiño de Santiago, a día de hoxe supéranse os 270.000 peregrinos, o que supón un 8,5% máis que en 2017. Trátase de persoas de 169 nacionalidades distintas e que chegan de forma diversificada a través dos diferentes itinerarios xacobeos oficiais.