O sector MICE move en Galicia ao redor de 60 millóns de euros anuais

Feiras como Navalia teñen un impacto na cidade de Vigo de 10 millóns de euros ao ano
Publicado por o día 05/06/2019 na sección de Galicia,Vigo

O sector MICE move en Galicia ao redor de 60 millóns de euros anuais
Hoxe celébrase o Día Internacional das Feiras (Global Exhibitions Day, GED) unha conmemoración na que participan máis de 85 países e que ten lugar o primeiro mércores de xuño. Con esta celebración preténdese fomentar o coñecemento e difusión da relevancia da actividade feiral, dos seus efectos e a súa repercusión social e económica. Neste sentido, o turismo de reunións, congresos e convencións, coñecido como MICE (Meetings, Incentives, Conventions & Exhibitions), e no que se engloba a celebración das feiras, move en Galicia ao redor de 60 millóns de euros ao ano. E todo iso xerados a través de máis de mil eventos de diferentes tamaños, para os que se estima que o gasto medio dun participante en reunións e congresos é un 30% superior ao dun turista convencional, alcanzando unha media de 250 euros ao día.
 
Se estas cifras trasladámolas a nivel nacional, o turismo de negocios xera actualmente en España uns 20.000 millóns de euros cada ano e ten un crecemento de entre o 2 e o 3 % anual, segundo datos da Asociación Ibérica de Viaxes de Negocio (IBTA). Desa cifra, un 70% corresponde aos desprazamentos de empresas para visitar clientes ou asinar contratos, mentres que un 30% depende do turismo de congresos, eventos ou incentivos.
 
O Grupo Muéstralo, unha das empresas de organización feiral máis representativas de Galicia, e responsable de salóns tan importantes como Navalia, a Feira Internacional da Industria Naval, súmase a esta celebración. “As feiras son unha gran industria global e representan unha forma eficaz e sustentable de facer negocios. Son eventos esenciais como ferramenta de márketing para sectores estratéxicos de cada cidade ou rexión, como no noso caso ocorre co sector naval. Ademais, a industria feiral é unha gran xeradora de oportunidades laborais, algo que incrementa o seu impacto económico e social onde teñen lugar” apunta Javier Arnau, director do Grupo Muéstralo. Navalia é un claro exemplo desta afirmación. A pesar de que se trata dunha feira bienal, ten un impacto na cidade de Vigo que rolda os 10 millóns de euros anuais. “O sector MICE é un segmento turístico moi importante, rendible e motor do desenvolvemento económico nos destinos turísticos. Está máis que demostrado que un sector de negocios e eventos máis sólido incrementará a actividade e xerará millóns en ingresos” explica Arnau.
 
E aínda que Madrid e Barcelona aglutinan o maior número de feiras no noso país, España está “moi ben posicionada” en turismo de eventos, feiras e congresos, ocupando o posto número 15 no mundo e o quinto de clasificación europea. “Como empresa galega de organización de eventos feirais, podemos presumir de haber organizados en quince anos máis dunha vintena de feiras en Galicia, protagonizadas por diferentes sectores produtivos e de servizos” explica Javier Arnau.
 
O mercado feiral español vén rexistrando un crecemento sostido nos seus principais parámetros nos últimos anos. No noso país hai 45 recintos feirais (de máis de 5000 metro cadrados cubertos de exposición) que acollen 600 feiras anuais cun impacto económico de 5.000 millóns de euros. Nestas feiras participan ao redor de 60.000 expositores que atraen a 8 millóns de visitantes.