O sénior masculino de 1ª div. do C. B. Seis do Nadal – Coia xa coñece o seu calendario

Publicado por o día 26/08/2015 na sección de Baloncesto,Deportes

O sénior masculino de 1ª div. do C. B. Seis do Nadal – Coia xa coñece o seu calendario

O equipo Sénior Masculino “A” do Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia cumprirá hoxe, mércores 26 de agosto do 2015, a súa primeira semana de adestramentos da nova tempada 2015/2016. O equipo volverá a competir nesta nova campaña na Liga 1ª División Sénior Masculina e estará adestrado por Sergio González, Francisco Javier García e Albert Tomas.

Esta tempada o sistema de competición será diferente con respecto ao da campaña pasada posto que os 17 equipos da Primeira División se dividen en dous grupos por proximidade xeográfica. Acompañarán ao Seis do Nadal – Coia no grupo Sur: VGO Básket (Vigo), PBB (O Porriño), Sigaltec (Vilagarcía de Arousa), EDM A Estrada, Univeristario Campus Ourense, Bosco Salesianos (Ourense), CAB Obradoiro (Santiago) e C.B. Noia. Os catro primeiros dos clasificados do grupo loitarán cos catro primeiros clasificados do grupo Norte polo ascenso á Liga EBA.

A competición dará comezo a fin de semana do 19 e 20 de setembro do 2015 e o Seis do Nadal – Coia viaxará na primeira xornada a Vilagarcía de Arousa para enfrontarse ao Sigaltec.

Segue o traballo nos equipos que xogan as Fases Previas

Os seis conxuntos federados do Seis do Nadal – Coia que participarán nas Fases Previas de Clasificación ás Ligas de Primeira División continúan co seu traballo de preparación que comezou nas dúas primeiras semanas do mes de agosto.

Os combinados Júnior Masculino “A”, Júnior Feminino, Cadete Masculino “A”, Cadete Feminino “A”, Infantil Masculino “A” e Infantil Feminino “A”, seguen sumando horas de traballo e aprendizaxes de cara á primeira xornada das Fases Previas que terá lugar na fin de semana do 13 de setembro do 2015.