O Servizo Galego de Saúde mantén a proposta ofertada aos Puntos de Atención Continuada e apela ás organizacións sindicais e representantes dos traballadores para que reconsideren a súa postura. O Sergas reitera que o documento presentado na última reunión recolle a inmensa maioría das reivindicacións solicitadas. En concreto, a administración sanitaria lembra que ofertou nove das once medidas plantexadas polas organizacións sindicais.
Entre estas medidas, o Sergas ofertou o incremento retributivo pola realización de noites e festivos/domingos nun 20%, o que suporá para un médico 10 euros máis por cada noite, e por cada festivo/domingo un total de 58 euros máis. Esta medida suporía de media un incremento de 600 euros anuais pola realización de noites, e 1.400 anuais máis por festivos/domingos.
Ademais ofertouse o abono de dúas dietas de manutención en domingos e festivos, que se ampliou a cando o servizo sexa de 24 horas, polo que se mellorou a petición inicial. Tamén se atendeu a petición de disponibilidade de uniformidade suficiente, con imaxe corporativa única e equipos de protección individual (EPI) das mesmas características que os empregados polo 061.
Outra das reivindicacións ofertadas polo Sergas é a maior participación do profesional na fixación de obxectivos do servizo, coa eliminación do indicador de derivación hospitalaria como obxectivo do servizo vinculado á produtividade; ou a aplicación da neutralidade das situacións de incapacidade temporal e permisos retribuídos, de forma que non teñan incidencia na liquidación da xornada complementaria.
En relación co incremento de persoal, aceptouse a garantía de reforzos de profesionais que sexan necesarios tendo en conta criterios obxectivos como a sobrecarga asistencial, distribucion etaria, dispersión, desprazamentos ou outras circunstancias que o xustifiquen. Tamén aceptouse a dotación de equipos completos de profesional medicina/enfermería e realización no último trimestre de 2019 dunha análise da dotación de novas prazas no marco global da atención primaria.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.