O Sergas asumirá os custos de mantemento do centro de saúde de Arbo

A tal efecto, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde do concello, Horacio Gil Expósito, asinaron un convenio de colaboración
Publicado por o día 22/08/2019 na sección de Sanidad

O Sergas asumirá os custos de mantemento do centro de saúde de Arbo

O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, en San Lázaro, acolleu hoxe pola mañá o acto de sinatura dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o concello de Arbo, mediante o cal se establecen as bases de colaboración entre estas dúas institucións para a cesión da propiedade do centro de saúde de Arbo, do que é titular o concello, ao Servizo Galego de Saúde, para a asunción dos gastos de mantemento.

O convenio, que foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e polo alcalde de Arbo, Horacio Gil Expósito, recolle que este concello pontevedrés comprométese a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión patrimonial do centro de saúde ao Sergas, libre de cargas e gravames.

Pola súa banda, o Sergas comprométese á asunción dos gastos de mantemento do centro de saúde a partir do momento en que se proceda á formalización da súa cesión patrimonial.

Sinalar que o acordo entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias, do ano 2006, polo que se establece o contido e desenvolvemento do pacto local, recolle unha serie de actuacións entre as que se atopa a asunción dos custes de mantemento dos centros de saúde. Este proceso de asunción é voluntario para os concellos.