O Servizo Galego de Saúde publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG), as convocatorias de concurso-oposición para o ingreso nas categorías de telefonista, pinche e técnico en farmacia, nestas dúas últimas na quenda de discapacidade intelectual.
O número total de prazas que se convocan ascende a 82, das que 33 corresponden á categoría de telefonista, 39 á de pinche e 10 á de técnico en farmacia.
O formulario de inscrición estará dispoñible na ligazón do FIDES/Expedient-e/Procesos/Inscrición OPE, finalizando o prazo o vindeiro o próximo 15 de febreiro de 2021.
Coa convocatoria deste proceso, o Servizo Galego de Saúde completa a execución da oferta de emprego público de persoal estatutario do ano 2018, e avanza na integración laboral das persoas con discapacidade intelectual, iniciada nos procesos de selección fixa, logo da aprobación do decreto de oferta de emprego público para o ano 2016.
Estas probas son o cuarto e quinto proceso selectivo que se convocan para o acceso a prazas reservadas a esta quenda, engadíndose ao xa resolto da categoría de celador, polo que se incorporaron, en setembro do ano pasado, ás institucións do Sistema Público de Saúde de Galicia, un total de 30 profesionais, unha cifra que en breve se verá incrementada con 11 novos profesionais da categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermaría. Así mesmo, está previsto desenvolver, durante este ano, as probas selectivas para a cobertura de nove prazas de persoal de servizos xerais por esta mesma vía de acceso, xa convocadas.
No avance cara á integración laboral das persoas con discapacidade intelectual, proximamente publicaranse as listas provisionais de admitidos e a baremación provisional dos aspirantes no primeiro proceso de xeración de listas de selección temporal, reservadas a esta quenda.
Próximas actuacións e procesos en tramitación
O Servizo Galego de Saúde, malia o contexto sanitario actual, continúa co desenvolvemento dos procesos selectivos actualmente en tramitación e coa preparación de novas convocatorias.
No que atinxe aos procesos actualmente en tramitación, estes suporán a incorporación dun total de 1.492 profesionais das categorías de médico de familia, odontólogo e pediatra de atención primaria, enfermeiro especialista, fisioterapeuta, técnico en coidados auxiliares de enfermería e persoal de servizos xerais; estando prevista a súa resolución definitiva no primeiro cuatrimestre do 2021.
Calendario de exames
Está previsto que, no primeiro cuatrimestre deste ano, se realicen os exercicios da fase de oposición do proceso selectivo de persoal de servizos xerais, quenda de discapacidade intelectual e, no segundo semestre, os correspondentes ás categorías de facultativo especialista de área, médico de admisión e documentación clínica, médico asistencial do 061, médico de urxencias hospitalarias e técnicos sanitarios das especialidades de farmacia, laboratorio de diagnóstico clínico, imaxe para o diagnóstico, hixiene bucodental, anatomía patolóxiva e citoloxía e radioterapia.
Próximas convocatorias
No transcurso deste primeiro trimestre procederase á preparación e á análise conxunta coas organizacións sindicais dos textos de convocatoria de probas selectivas para o acceso ás categorías de calefactor/a, condutor/a, costureiro/a, electricista, fontaneiro/a, lavandeiro/a, mecánico/a, pasador/a de ferro, persoal informático, traballador/a social e ás clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.