O Sergas cribará nos próximos días a 10.000 persoas da área sanitaria de Vigo

Vaise invitar a realizar a proba PCR á poboación asintomática dos Concellos de Baiona, A Cañiza e O Rosal; en Vigo continuarase co centro de saúde de Navia
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Galicia,Coronavirus,Salud,Sanidad,Vigo

O Sergas cribará nos próximos días a 10.000 persoas da área sanitaria de Vigo

O Sergas continúa desenvolvendo a estratexia para realizar cribados poboacionais, mediante a realización da proba PCR, a persoas asintomáticas, e detectar aquelas positivas que non presentan síntomas clínicos.

Neste contexto, a Área Sanitaria de Vigo vai invitar a 10.000 persoas a realizarse unha proba diagnóstica nos próximos días. Así, convocará -por este orde cronolóxico- á poboación dos Concellos de Baiona, A Cañiza e O Rosal. Ademais, continuarase co cribado no Concello de Vigo; tócalle a quenda agora á poboación de referencia do centro de saúde de Navia, que se citará despois de Baiona.

Tal e como estaba previsto desde principios do mes, a poboación de Baiona xa empezará a ser cribada esta mesma tarde no Covid-Auto do Hospital Meixoeiro. Vanse citar a un total de 3000 persoas desde hoxe e ata o proximo sábado.

Esta decisión adoptouse dada a elevada incidencia da Covid-19 mantida nos últimos días. O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.

Trátase de continuar desenvolvendo iniciativas que permitan incrementar a capacidade diagnóstica da área para facer fronte a pandemia da Covid-19. En vez de esperar a aparición de pacientes con síntomas, efectúase unha acción proactiva de busca e identificación dos asintomáticos, para controlar o antes posible os brotes da enfermidade.

Participación voluntaria

A Área Sanitaria de Vigo oferta participar nestes cribados a aquela poboación que cumpra determinados requisitos: estar no rango de idade entre 18 e 60 anos; non ter realizada unha proba PCR nas últimas 2 semanas; e dispor dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos “Lembra” que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.

As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con dia e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario habilitado, no que se lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento.