O SERGAS dá marcha atrás anunciando a reapertura da sala de partos de Verín

O peche provocara unha grande contestación social na comarca
Publicado por o día 18/01/2020 na sección de Sanidad

O SERGAS dá marcha atrás anunciando a reapertura da sala de partos de Verín

A xerente do Hospital Público de Verín, Guillermina Agulla, confirmou hoxe que está previsto que a vindeira semana se poida formalizar a contratación de dous pediatras para a atención dos bebés, e que permitirá a reapertura da sala de partos “nos primeiros días de febreiro”.

Agulla explicou que o Sergas traballa ademais na redacción do protocolo dos servizos hospitalarios implicados que permita retomar a atención aos partos en Verín, coa seguridade e garantías imprescindibles para as nais e os nenos, nos primeiros días do vindeiro mes de febreiro. A sala de partos está pechada desde comezos de decembro, nunha decisión que provocou unha grande contestación social.

 A xerente de Verín suliñou estes avances cos que se amosa o compromiso do Sergas co Hospital de Verín, así como a súa aposta por desenvolver as propostas e proxectos necesarios para reforzar e mellorar a atención sanitaria que desde o Hospital Público de Verín se ven prestando á poboación da comarca de Monterrei. “Se son sincera, non viñen só para reabrir a sala de partos, o meu desexo é potenciar o hospital de Verín, e facer un hospital innovador do que sintamos orgullosos del tanto os profesionais como os usuarios”, explica Guillermina Agulla nun audio distribuído aos medios pola Consellería de Sanidade.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa afirmara esta semana que había contactos “avanzados” con pediatras, na liña dos contactos que a propia directora do distrito sanitario trasladou recentemente nunha entrevista concedida a Europa Press.

Os xinecólogos de Verín: “Ata que non o vexamos non o creremos”

Os xinecólogos do Hospital de Verín móstranse satisfeitos coa decisión da Xunta de reabrir o paridoiro e incorporar dous pediatras, á vez que apuntan: “Ata que non o vexamos non o cremos”. A noticia supón unha nova “marabillosa” que lles fai sentir “moi contentos”, e así o transmitiron tanto Rogelio Viñán como Javier Castrillo nunha conversa con Europa Press.

Castrillo alégrase de que o Goberno de Feijóo reconsidere “a súa postura” e dea “marcha atrás”, porque a partir de agora “só son pasos cara adiante”. Para Viñán, resulta “fundamental” que ademais da sala de partos se recupere o servizo de atención continuada aos nenos, é unha cuestión “fundamental” á que teñen dereito o adultos pero tamén os máis pequenos e debe garantirse en todas as comarcas, “sexan máis grandes ou máis pequenas”.

Baltar: “É unha magnífica noticia”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, considera unha “magnifica noticia” a reapertura do paritorio de Verín, como o seu goberno defendeu “desde o minuto uno”. Ademais, lembrou que o pleno provincial reclamara “por unanimidade” o mantemento deste servizo.

O Grupo Común da Esquerda pide a dimisión de Almuiña

Grupo Común da Esquerda identifica a decisión do Sergas cunha “vitoria clara e contundente da cidadanía” e “das mulleres que se mobilizaron para obrigar a Feijóo a rectificar”. Nun comunicado, a deputada Luca Chao asegurou que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, “é o responsable dos despropósitos destes dous meses”, polo que “a rectificación non é completa se o conselleiro non asume as súas responsabilidades e dimite”.

Villares: “É unha vitoria da cidadanía”

O portavoz de En Marea, Luís Villares, considerou que o anuncio de reapertura do paritorio do hospital de Verín constitúe unha “verdadeira vitoria cidadá” fronte á política de recortes orzamentarios en saúde pública e en dereitos por parte da Xunta, presidida por Alberto Núñez Feijóo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.