O Sergas destina 64.000 euros a actividades de información e apoio aos familiares e coidadores de enfermos de Alzhéimer

Segundo o conselleiro de Sanidade, a Estratexia galega para a atención a persoas en situación de cronicidade suporá unha mellora na atención ás persoas con alzhéimer
Publicado por o día 05/05/2019 na sección de Sanidad

O Sergas destina 64.000 euros a actividades de información e apoio aos familiares e coidadores de enfermos de Alzhéimer

O Servizo Galego de Saúde destinará un total de 64.042 euros a actividades de información e apoio aos familiares e coidadores de enfermos de Alzheimer, logo da sinatura esta mañá, no transcurso das XVII Interdisciplinarias da Federación Alzhéimer Galicia, dun convenio de colaboración entre a Administración sanitaria galega e a Federación de asociacións galegas de familiares de enfermos de alzheimer (FAGAL). O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e polo presidente de FAGAL, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez.

O documento asinado ten por obxecto, -dixo o conselleiro na súa intervención nas Xornadas-, a formación continuada dos profesionais que traballan ou colaboran coas asociacións, así como das persoas que integran as directivas. Tamén posibilita o deseño e desenvolvemento conxunto de programas de formación e coidados dos coidadores. Outros dos obxectivos do convenio hoxe asinado son -remarcou Almuiña-, a sensibilización social e difusión de cuestións relacionadas coa atención e o coidado das persoas que padecen unha demencia e as que as coidan.

Dende a Consellería de Sanidade apóstase, -subliñou o conselleiro-, pola colaboración cos pacientes, as súas familias e as asociacións, “xa que son axentes principais e os grandes aliados na xestión da saúde, a enfermidade e os coidados. Co seu traballo contribúen a mellorar a atención que reciben as persoas máis vulnerables e ao adecuado funcionamento do noso sistema sanitario”.

Contamos, -remarcou Almuiña-, con diversas medidas, como é a tarxeta dobre AA, “para facilitar a accesibilidade e o acompañamento das persoas nas consultas e probas nos centros sanitarios”.

Na súa intervención, o conselleiro incidiu en que, a finais do pasado ano, o seu departamento publicou a Estratexia galega para a atención a persoas en situación de cronicidade, que levará dúas innovacións na atención, por un lado a figura do profesional ou equipo de referencia do paciente crónico e, por outro, o plan individualizado de atención integral, “o que suporá unha mellora na atención ás persoas con alzhéimer”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.