O Sergas elabora un Plan de asistencia á sepse de Galicia que permitirá identificar de xeito precoz aos pacientes con esta patoloxía

A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá e contou coa presenciado conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña
Por o 12/09/2018 | Sección: Sanidad
O Sergas elabora un Plan de asistencia á sepse de Galicia que permitirá identificar de xeito precoz aos pacientes con esta patoloxía

O Servizo Galego de Saúde presentou esta mañá o seu Plan de actuación fronte á sepse, cuxo principal obxectivo é a identificación precoz do paciente con sospeita de sepse en calquera punto de contacto co sistema sanitario, así como a administración do tratamento axeitado o antes posible. O plan vaise por poñer en marcha nos distintos centros sanitarios da rede pública galega, no último trimestre do ano.

O acto de presentación contou coa presencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen destacou que o Plan “nace co obxectivo de identificar precozmente ao enfermo afectado de sepse, tanto en atención primaria como en hospitalaria, mediante unha abordaxe coordinada e multidisciplinar, así como para garantir a implantación de todas as medidas terapéuticas que demostraron reducir a mortalidade por esta causa”.

A rapidez na aplicación de tratamentos é fundamental para mellorar a supervivencia. É importante, pois, a confirmación ou rexeitamento do diagnóstico de sepse en menos de 30 minutos dende a activación do código no hospital; así como a instauración do tratamento antibiótico dentro da hora seguinte á confirmación diagnóstica e, de seren preciso, establecer outras medidas terapeúticas.

Para a consecución desta iniciativa establecéronse diversos puntos clave ante a sospeita de infección. Entre estes puntos están a activación do código sepse en atención primaria, no 061 e en atención hospitalaria (tanto nos servizos de urxencias como nas plantas de hospitalización). Outro dos puntos clave é a asistencia clínica tanto en pacientes ambulatorios, ou no traslado do enfermo ao hospital e, en todos os casos, iniciar o tratamento médico axeitado.

Ao igual que o infarto ou o ictus, a sepse é unha patoloxía tempo-dependente. Así, a rapidez na aplicación de tratamentos é fundamental e mellora a supervivencia.

Resulta primordial para o éxito do código sepse o desenvolvemento de todas as medidas necesarias para a súa implantación, como é a formación continuada dos profesionais, a constitución de equipos de sepse nos centros sanitarios ou a detección de áreas de mellora a través da avaliación dos resultados obtidos logo da súa implantación.

A entrada en funcionamento desta iniciativa permitirá unha atención de calidade, homoxénea e coa maior capacidade de resolución posible. E todo levado a cabo cunha coordinación dos profesionais implicados na atención desta patoloxía.

O obxectivo final, pois, enmárcase dentro da atención precoz dos pacientes afectados por esta enfermidade, con independencia do seu lugar de residencia, centro sanitario a onde acuda ou planta de hospitalización onde estea ingresado.

Rexistro autonómico

Tal e como se recolle no Plan, disporase dun rexistro de sepse a nivel autonómico que permitirá a recollida sistemática e homoxénea de información necesaria para avaliar o funcionamento do plan a través de indicadores de calidade.

O Plan será publicado na web do Sergas e, ademais, poderá ser consultado polos profesionais a través dunha aplicación móbil, o que permitirá unha maior axilidade na toma de decisións.

Esta iniciativa que agora se pon en marcha está baseada na evidencia científica, co convencemento da necesidade de concienciar sobre a importancia da sepse, para, deste xeito, asegurar unha abordaxe coordinada multidisciplinaria que identifique de xeito precoz ao enfermo en todos os ámbitos asistenciais e, ademais, garanta a implantación, de maneira inmediata, de todas as medidas que demostraron reducir a mortalidade da sepse.

Este plan de actuación, elaborado por diferentes profesionais de todos os ámbitos asistenciais, é unha iniciativa novidosa en Galicia e enmárcase dentro da Estratexia de Seguridade do Paciente do Sistema Nacional de Saúde e da Estratexia Sergas 2020.

A implantación desta medida, e o posterior seguimento, implica a constitución dun equipo en cada centro hospitalario. Dito equipo estará composto por un conxunto de profesionais de diferentes especialidades médicas.

Abordaxe multidisciplinaria e iniciativas en marcha

A sepse é unha enfermidade grave que se produce cando o organismo ten unha resposta inmunitaria inadecuada a unha infección bacteriana. Aínda que calquera infección pode dar lugar a sepse, o risco é maior no caso da pneumonía, a infección do tracto urinario, a infección intraabdominal, a meninxite, a infección en inmunodepremidos ou a infección profunda da pel e partes brandas.

Ademais do Código sepse, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña xa ten en marcha a atención precoz do ictus e o infarto agudo de miocardio. Tamén se está traballando en diversas iniciativas que inciden na seguridade do paciente, como as levadas a cabo para a prevención e control das infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.