O Sergas estende a todas as áreas o test que se fai sen baixar do coche para pacientes con indicación médica e cita previa

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web https://coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos
Publicado por o día 19/03/2020 na sección de Sanidad,Salud,Xunta de Galicia

O Sergas estende a todas as áreas o test que se fai sen baixar do coche para pacientes con indicación médica e cita previa

O Servizo Galego de Saúde implantará en todas as áreas sanitarias un novo sistema para realizar as probas do coronavirus, aos pacientes desde os seus propios vehículos sen que teñan que baixarse deles, e que só se lle realizará as persoas que teñan prescripción facultativa e cita previa. O facultativo ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios establecidos nos protocolos e quedará rexistrada na historia clínica electrónica do paciente.

Con esta medida trátase de complementar e axilizar o sistema de recollidas de mostras a domicilio, que ven incrementando a súa demanda nos últimos días.

O novo sistema, coordinado e priorizado polo servizo de Medicina Preventiva dos hospitais, permite axilizar tempos xa que posibilitan que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos equipos de protección individual (EPI) xa que mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI,os profesionais van utilizar un só equipo por quenda de traballo, sen necesidade de cambiarse con cada paciente.

Na actualidade xa funciona en Vigo, Ourense e Lugo. Está previsto que mañá comece na Coruña e Pontevedra, e o luns en Santiago e Ferrol.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos. Nesta páxina tamén se pode atopar un test interactivo, elaborado por persoal sanitario, para proporcionar á poboación un sistema áxil e inmediato no que atopar información actualizada sobre cuestións relacionadas co coronavirus. Ademais, o feito de que o test personalice as respostas, a través de preguntas concretas, permite ofrecer recomendacións adaptadas á situación particular de cada persoa.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.