O Sergas incide na necesidade da atención integral á saúde das mulleres nas distintas etapas da súa vida

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, referiuse hoxe no Parlamento ás medidas adoptadas polo seu departamento para mellorar a saúde das mulleres, garantir os seus dereitos neste ámbito e mellorar a atención da calidade prestada
Por o 26/06/2019 | Sección: Sanidad
O Sergas incide na necesidade da atención integral á saúde das mulleres nas distintas etapas da súa vida

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe no Parlamento as medidas adoptadas polo seu departamento para mellorar a saúde das mulleres e garantir os seus dereitos neste ámbito. “Queremos dar resposta ás necesidades e problemas de saúde que aparecen ao longo do ciclo vital da muller, de forma integral, promovendo a saúde física, mental e social de todas as mulleres de Galicia e mellorar a calidade da atención prestada”, dixo Almuiña.

Para acadar este obxectivo, Almuiña referiuse as diferentes liñas de traballo que está a levar a cabo a Consellería de Sanidade. No referido á saúde sexual, o conselleiro destacou que o Sergas conta con 145 matronas en atención primaria, 13 centros de orientación familiar (COF) e 14 hospitais con urxencias e consultas de xinecoloxía. Ademais, segundo dixo o conselleiro, realízanse actividades formativas de asesoramento en anticoncepción dirixidas aos profesionais, xunto co Plan Proxecta, dirixidas ao profesorado.

No referido a saúde reprodutiva, o titular de Sanidade falou sobre os cursos de educación sanitaria de grupo pre e posnatal impartidos por matronas de atención primaria, ademais das consultas puerperais tralo nacemento dos fillos. Así mesmo dixo que o Sergas dispón de guías técnicas asistenciais, protocolos e procesos asistenciais integrados sobre a consulta preconcepcional e de embarazo normal; un procedemento de intervención en saúde no caso de violencia de xénero, no que se vai crear un apartado específico para maltrato infantil e maltrato obstétrico; e unha guía informativa para mulleres en situación de violencia de xénero.

Almuiña tamén destacou o labor dos bancos de leite materna para garantir o subministro doado de xeito seguro para a alimentación de prematuros. Ademais, o conselleiro lembrou que o Sergas promove a inclusión de test prenatal non invasivo dentro do cribado prenatal de anomalías cromosómicas e a vacinación contra a tosferina a mulleres embarazadas. Na actualidade tamén existe un protocolo específico para a atención á muller embarazada con trastornos aditivos e hai iniciativas nas áreas sanitarias para consultas específicas para mulleres con enfermidades reumáticas inflamatorias ou autoinmunes que desexan un embarazo ou están en período de xestación.

Prevención e formación

O conselleiro incidiu nas tarefas de prevención co Programa galego de detección precoz do cancro de mama, con 2,5 millóns de participantes desde a súa implantación, en 1992. Segundo varios estudos da Dirección Xeral de Saúde Pública, entre 1980 e o ano 2012 producíronse 910 mortes menos por cancro de mama entre 50 e 69 anos, o que supón un descenso da mortalidade dun 20% nas mulleres participantes no programa respecto do previsto sen cribado. En canto aos hábitos de vida saudables, o conselleiro lembrou a existencia dos programas Coídate Cóidame, dirixido a neonatos e nais lactantes, e Xente con Vida, con pautas para as mulleres nas distintas etapas da súa vida.

A formación dos profesionais é outro dos alicerces na atención as mulleres. Jesús Vázquez Almuiña destacou a oferta continuada que realiza a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria para que os sanitarios actualicen coñecementos e habilidades. Así, dende hai 12 anos celébranse as Xornadas de saúde perinatal e reprodutiva. Nestas xornadas os profesionais teñen a oportunidade de empatizar e ser máis conscientes das dificultades coas que se atopan as mulleres respecto da súa sexualidade, a xestación ou a crianza.

No referente á atención as mulleres que perden un bebé durante o embarazo, o parto ou ao pouco de que o neno naza, Almuiña indicou que se está a elaborar a Guía de atención no proceso de morte e dó xestacional e perinatal. Con ela vaise prestar á muller e á súa parella unha atención de calidade baseada no mellor coñecemento científico dispoñible e preténdese homoxeneizar a atención profesional e proporcionar información e unha atención máis humanizada.

Comentar noticia

Your email address will not be published.