O SERGAS inviste 350.000 euros en novo equipamento nos centros de saúde da área sanitaria de Vigo

A administración sanitaria saca a licitación por 344.850 euros o subministro de 60 unidades de Holter de presión arterial, 50 espirómetros e 6 retinógrafos
Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O SERGAS inviste 350.000 euros en novo equipamento nos centros de saúde da área sanitaria de Vigo

O Servizo Galego de Saúde investirá nos centros de saúde da área de Vigo 344.850 euros na adquisición de novos equipos de diagnóstico clínico. Así, onte publicouse no perfil do contratante a licitación por un importe de 344.850 euros de novo material de diagnóstico para as consultas da atención primaria viguesas. En concreto, trátase de 60 unidades de holter de presión arterial (MAPA)-consistente no sistema para o rexistro, almacenamento e análise da presión arterial de xeito ambulatorio- ; 50 espirómetros -dispositivos que miden a capacidade pulmonar- ; e 6
retinógrafos- equipo para capturar imaxes da retina sen dilatación pupilar, para a determinación de retinopatías do paciente diabético-.

Esta é unha das medidas a curto prazo contempladas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 aprobado o pasado mes de maio. Esta actuación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación no ámbito da atención primaria, mediante a renovación do material de diagnóstico obsoleto das consultas dos centros de saúde do Sergas así como a dotación do equipamento necesario.

Máis electrocardiógrafos, desfibriladores e ecógrafos

Estas licitacións súmase á que xa se publicou a finais do mes pasado para a subministración de novo equipamento electromédico tamén destinado a centros de saúde de Vigo cun orzamento que ascende a 579.348 euros. Esta cantidade irá destinada á adquisición de 57 electrocardiógrafos (234.498 euros), 50 desfibriladores (cun custo de 272.250 euros) e 3 ecógrafos (72.600 euros).

Os novos equipos electromédicos permitirán aumentar as prestacións de probas diagnósticas dos centros de saúde da área sanitaria de Vigo, e evitarán desprazamentos de pacientes ao hospital.

A renovación dos ecógrafos posibilitará a mellora na realización de programas específicos de saúde como: ecografía abdominal, urolóxica, xinecolóxica e de aorta e grandes vasos que permiten ao profesional de Atención primaria descartar patoloxías no paciente, evitando o desprazamento de pacientes á atención especializada.

Comentar noticia

Your email address will not be published.