O Sergas mellora a accesibilidade dos pacientes desde a Atención Primaria na EOXI de Vigo

Os facultativos dos centros de saúde xa poden contactar directamente, a través de teléfonos específicos, cos médicos do hospital de 26 especialidades
Publicado por o día 03/05/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O Sergas mellora a accesibilidade dos pacientes desde a Atención Primaria na EOXI de Vigo

O SERGAS continúa desenvolvendo as actuacións previstas para a Atención Primaria viguesa, orientadas fundamentalmente a mellorar a accesibilidade á atención hospitalaria. Así, tal e como a EOXI de Vigo comprometera, no día de hoxe, tense completado a carteira de contactos telefónicos dos médicos do hospital para facilitar o soporte aos médicos dos centros de saúde en 26 especialidades hospitalarias.

Isto foi posible grazas ao Plan de Comunicación -deseñado pola Dirección- entre os profesionais de primaria e hospitalaria para as consultas catalogadas como moi preferentes. Deste xeito, os facultativos dos centros de saúde dispoñen dun contacto telefónico directo con cada especialidade hospitalaria, para consultar dúbidas ou establecer a derivación preferente se fose preciso.

Esta medida ten especial importancia para a cidadanía que verá axilizados os tempos de resposta da atención hospitalaria para a abordaxe directa daqueles casos complexos. Segundo explica o xefe de servizo de Pneumoloxía, Alberto Fernández Villar, “supón un gran avance no acceso inmediato e prioritario dos pacientes ás consultas do hospital; ademais, xera confianza entre os profesionais de ambos niveis asistenciais e establece vínculos que non serían posibles a través da historia clínica electrónica”.

No mesmo senso manifestase o xefe de servizo de Oncoloxía, Joaquin Casal, “a extensión desta medida a todas as especialidades representa unha boa oportunidade de mellorar a coordinación entre os profesionais da atención primaria e hospitalaria e, sobre todo, de progresar na calidade asistencial ofertada aos nosos pacientes”.

Consultas presenciais e telemáticas

A mellora da accesibilidade ás consultas externas hospitalarias tamén se viu reforzada pola posta en marcha doutras das medidas propostas: a apertura da consulta presencial para aquelas especialidades que só tiñan e-interconsulta.

Así, a partires de hoxe contémplase a derivación directa de determinadas patoloxías aos servizos de Dermatoloxía (pacientes preferentes); Endocrinoloxía (nódulo tiroideo); Reumatoloxía (pacientes con artrite, enfermidades sistémicas e autoinmunes, e aqueles en situación de Incapacidade Temporal); e Psiquiatría (descompensacións psicóticas).

En relación con isto, outra das propostas do SERGAS facía referencia aos tempos de resposta por parte do hospital ás consultas telemáticas, as chamadas e-interconsultas, establecendo a demora máxima en 7 días.

Xa desde o pasado ano vense traballando especificamente en mellorar o resultado deste indicador. En consecuencia, se a demora media das e-interconsultas a 30 de setembro era de 15,42 días, a 31 de decembro foi de 10,44 días, e a 31 de marzo de 2019, de 6,20 xornadas. Isto é, en seis meses conseguiuse diminuír os tempos de espera en 9 días.

Extensión da apertura das probas a todos os centros

Neste contexto, tamén hai que subliñar que no momento actual todos os centros de saúde da área teñen acceso á solicitude de máis probas diagnósticas como os TCs intracranais e as endoscopias dixestivas (gastroscopias e colonoscopias). Deste xeito, a área sanitaria de Vigo é, xunto coa de A Coruña, a que dispón dun maior número de probas abertas á indicación desde Atención Primaria.

Estas son algunhas das actuacións comprometidas pola administración, e xa postas en marcha, para seguir desenvolvendo melloras na atención primaria, tanto a nivel organizativo como con dotación de recurso e tecnoloxía, que aportan grandes beneficios tanto á atención ao paciente como ás condicións de traballo dos profesionais.