O SERGAS non atende as reivindicacións dos traballadores dos PACS

Publicado por o día 25/09/2018 na sección de Sanidad

O SERGAS non atende as reivindicacións dos traballadores dos PACS

A pesar da vontade negociadora expresada polo SERGAS co colectivo de traballadores/as de PACs trala morte dun paciente no PAC de A Estrada este verán, e o auto-nomeamento do presidente Feijóo como defensor dos traballadores/as da Sanidade, na reunión do pasado venres 21 non puidemos constatar dita vontade.

Tras sete meses, as negociacións persisten estancadas na distribución e cálculo da xornada do noso colectivo, o primeiro punto da negociación. Se ben se presenta o venres a proposta de dotar de máis persoal aos PACs de forma permanente, sorprendentemente, por contraditorio, non se propuxo ningún mecanismo para evitar as ausencias de facultativos que, tralo verán, seguen a producirse no reforzo en algúns PAC, como a que concorreu na morte denunciada no PAC de A Estrada.

Tampouco se chegou a ningunha conclusión respecto a que PACs precisarían aumentar a dotación.

O persoal de PACs agrupado na plataforma “PACs en pie de guerra” quere recordar que estes problemas asistencias, que afectan a usuarios e ao propio persoal, son a prioridade dos problemas a solucionar. Pero dada a gravidade pola mala xestión da xornada (e mesmo a obrigatoriedade do seu aumento en períodos de vacacións) e retribución do noso colectivo, esta estableceuse como primeira cuestión a solucionar.

Primeiro, o SERGAS elaborou unha fórmula mal confeccionada para o cálculo da nosa xornada anual, o que redunda en ter que facer horas de traballo a maiores cada vez que se sufre unha incapacidade temporal ou se desfruta un permiso retribuído. E segundo, as horas a maiores da xornada obrigatoria anual, equivalentes a “horas extraordinarias” e por tanto voluntarias, non son tales por constar no calendario como xornada anual e sen diferenciar.

Como se pode entender, ambas cuestións buscan achegar ás condicións de traballo e retributivas mínimas ás do resto de colectivos da Sanidade Galega, non nun incremento das xa existentes no noso colectivo. Unha situación sen parangón no resto de SERGAS, que motivou múltiples demandas xudiciais e para os que os propios traballadores temos proposto solucións que a administración se nega a considerar.

Por todo o exposto, cremos que o escenario creado pola administración é un dos peores dos posibles: non arranxa as condicións de traballo e retributivas do persoal dos PACS e non permite avanzar cara a solución dos problemas asistencias. Pero para empeoralo inda mais, non existen propostas para resolver os graves problemas de cobertura asistencial que seguen a producirse tralo verán debido á falta de facultativos nas listas de substitución.

Polo tanto o colectivo de traballadores/as dos PACs agrupados na plataforma imos ter reunións nesta semana para estudar novas respostas á pasividade e a dilación na negociación que se ven dilatando dende hai 7 meses.

Tras todo este tempo, venmos que as consecuencias estanse agravando coa falta de cobertura de mínimos, co resultado da repercusión nos enfermos, gardas impostas desde as xerencias, correos convidando a facer mais xornada para non deber horas ao SERGAS en caso de baixa ou outros permisos ou coa denegación de permisos, vacacións ou mesmo reducións de xornada por coidados de fillos a cargo, o colectivo esta disposto a dar novos pasos nas súas reivindicacións.