O Sergas publica as puntuacións provisionais das listas de selección temporal de médico de familia, médico de urxencias hospitalarias, pediatra de atención primaria e as especialidades de enfermería

A categoría con maior número de solicitudes é a de médico de familia, con 1.213 inscricións

Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a relación provisional de admitidos/excluidos e as puntuacións provisionais obtidas polas persoas aspirantes no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia: enfermeiro especialista en enfermería de saúde mental, enfermeiro especialista en enfermería do traballo, enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria, enfermeiro especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica, enfermeiro especialista en enfermería pediátrica, médico de familia, médico de urxencias hospitalarias e pediatra de atención primaria.

Xeráronse un total de 3.066 inscricións. A categoría con maior número de solicitudes é a de médico de familia, con 1.213. O 9,21% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso. As listas son abertas, polo que poden inscribirse as persoas interesadas en calquera momento.

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Contra os resultados desta baremación provisional, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade, no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao desta publicación.

Co obxecto de asegurar o maior número de efectivos dispoñibles nas listas de selección temporal para reforzar a atención sanitaria derivada da pandemia, adiántase a publicación das puntuacións provisionais derivadas da actualización de méritos destas categorías en máis de catro meses, respecto da anterior xeración de listas efectuada.

Con este adianto, dáse cumprimento ao compromiso asumido pola Dirección Xeral de Recursos Humanos de anticipar a publicación dos resultados do proceso de actualización das listas de selección temporal das distintas categorías, priorizando as deficitarias e directamente vinculadas á atención sanitaria da pandemia covid-19, contido na Orde da Consellería de Sanidade do 27 de novembro de 2020, pola que se aprobou o Plan de continxencia en materia de recursos humanos (covid-19) pactado na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, coas organizacións sindicais CC.OO, CSI-F e SATSE.

Próximas publicacións

Proximamente publicaranse as puntuacións provisionais do proceso de actualización de listas das seguintes categorías: celador, celador quenda discapacidade intelectual, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizos xerais, técnico en farmacia, técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico superior en dietética e nutrición, técnico superior en documentación sanitaria, técnico superior en hixiene bucodental, técnico superior en imaxe para o diagnóstico clínico, técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico e técnico superior en radioterapia.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario