O Sergas publica as puntuacións provisionais do proceso para o ingreso nas categorías de médicos de primaria e de enfermería especialista

Ademais recolle o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios, con indicación das preguntas anuladas e a xustificación de por que o foron

Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as puntuacións provisionais da fase de concurso obtidas polos aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de médico de familia, odontoloxía e pediatra todas elas en atención primaria. Así mesmo se publican as puntuacións para as categorías de enfermería familiar e comunitaria, pediátrica, enfermería do traballo, de saúde mental e obstétrico-xinecolóxica, ademais das de fisioterapeuta, técnico en coidados auxiliares de enfermería e persoal de servizos xerais.

Esta fase de oposición foi superada por 4.946 aspirantes. Neste proceso selectivo ofértanse 1.492 prazas das que 254 corresponden á categoría de médico de familia, 93 á de pediatra e 7 á de odontólogo. Tamén se convocaron 89 prazas para enfermería obstétrico-xinecolóxica, 30 para enfermería especialista en saúde mental, 30 prazas para enfermería familiar e comunitaria, 18 de enfermería especialista en pediatría e dúas para enfermería especialista do traballo. A estas hai que engadir outras 71 prazas de fisioterapeuta, 772 para técnico en coidados auxiliares de enfermería e 126 para persoal de servizos xerais.

O modelo definitivo de respostas, con indicación das preguntas anuladas e o seu motivo de anulación así como as puntuacións provisionais obtidas polos/as aspirantes presentados/as aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde.

As resolucións abren un prazo de cinco días hábiles contados a partir do día 15 de xullo para que as persoas interesadas poidan presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida. As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Así mesmo, habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposiciones@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións.

Próximas actuacións

Rematados os prazos de reclamación previstos en cada unha das resolucións publicaranse no Diario Oficial de Galicia as puntuacións definitivas dos distintos exercicios e o acordo de finalización da fase de oposición.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM