O Sergas realiza máis de 4.190 cirurxías no marco do decreto de tempos máximos de espera

O conselleiro de Sanidade destaca que con este decreto pasouse dunha xestión global de tempos de espera por prioridades a un compromiso individual por patoloxía
Publicado por o día 06/06/2018 na sección de Sanidad

O Sergas realiza máis de 4.190 cirurxías no marco do decreto de tempos máximos de espera

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que dende a entrada en vigor do decreto de tempos máximos o pasado 10 de xaneiro e ata o 22 de maio de 2018 rexistráronse 4.198 cirurxías. Tamén destacou Almuiña que toda esta actividade realizouse con medios propios do Servizo Galego de Saúde.

O Sergas beneficia aos pacientes das garantías establecidas na norma que fixa en 60 días a atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente para intervencións cirúrxicas.

Almuiña afirmou que “a valoración é moi positiva e demostra que temos un sistema sanitario que dá resposta ao que os nosos pacientes necesitan e que avanza no recoñecemento dos seus dereitos”. Neste senso, salientou que con este decreto a Consellería de Sanidade adquire un novo compromiso cos pacientes “xa que se pasa dunha xestión global de tempos de espera por prioridades para todas as doenzas, a un compromiso individual por patoloxía”.

Ao respecto dos procedementos incluídos no decreto de tempos máximos, destacou que a selección realízase tendo en conta a gravidade das patoloxías, a efectividades e a oportunidade de atención sanitaria, e os protocolos de priorización contrastados coas sociedades científicas. Tamén aseverou que o catálogo de doenzas que cobre a normativa iráse ampliando de xeito progresivo.

Máis dereitos do cidadán

Co decreto de tempos máximos, o Goberno galego culminou o compromiso de desenvolver normativamente a Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias que supuxo un importante avance no recoñecemento de dereitos aos cidadáns. Así, ao abeiro desta lei estaba xa regulado o decreto que estableceu por primeira vez un sistema no que o paciente ten a facultade de elixir, no exercicio da súa autonomía de decisión, os profesionais sanitarios que atenderán a súa saúde. Tamén o decreto que regula o dereito da segunda opinión médica no sistema público e o texto normativo polo que se establece a organización e funcionamento do Rexistro galego de instrucións previas sobre coidados e tratamentos da saúde.

Dende 2015, os usuarios do Servizo Galego de Saúde teñen a posibilidade de elixir libremente o seu profesional de medicina de familia, pediatría ou profesional de enfermería ou matrona, así como de hospital ou complexo hospitalario. Desde a entrada en vigor da norma ata decembro de 2017, rexistráronse un total de 282.636 solicitudes

Con respecto da segunda opinión médica, que garante aos pacientes o dereito a recibir unha segunda opinión en relación cun primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica emitido por un profesional médico do sistema público de saúde, estimáronse 1.071 solicitudes (dende a entrada en vigor da norma en maio de 2015 ata decembro de 2017).

Así mesmo, a Lei de garantías establece o dereito á manifestación das instrucións previas dos pacientes, que serán tidas en conta polo persoal sanitario no marco do establecido na legalidade vixente. Un total de 7.739 persoas exerceron este dereito dende a entrada en vigor da norma en xaneiro de 2015 ata decembro de 2017.