O Sergas rexistra a decembro de 2018 o mellor dato de espera media cirúrxica con 61,6 días

Publicado por o día 27/01/2019 na sección de Sanidad

O Sergas rexistra a decembro de 2018 o mellor dato de espera media cirúrxica con 61,6 días

O tempo medio de espera cirúrxica global do Servizo Galego de Saúde a decembro de 2018 é de 61,6 días, 4,8 días menos que no 2017 cando se situou en 66,4 días de espera media. Este dato sitúase como a cifra máis baixa de toda a serie histórica de Galicia.

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, presentou esta mañá o balance de tempo medio de espera do Sergas referido a 31 de decembro de 2018. Destacou que con estes datos, Galicia continúa a manterse entre os mellores indicadores do Sistema Nacional de Saúde, que segundo os datos do Ministerio de Sanidade a decembro de 2017 é de 106 días de espera media. En relación ao resto de comunidades segundo os últimos datos publicados, Galicia está entre as que teñen menos demora.

Con respecto da espera por prioridades a decembro de 2018, en pacientes de prioridade 1 o tempo medio é de 19,4 días. Fernández-Campa destacou que este dato permite continuar por debaixo do obxectivo fixado de menos de 30 días e garantir o compromiso de atender estas patoloxías máis graves no menor tempo posible.
O xerente do Sergas destacou que 43.550 persoas beneficiáronse da garantía establecida coa entrada en vigor do decreto de tempos máximos para 108 tipos de patoloxías, 26 probas diagnósticas ou terapéuticas e sete vías rápidas. Todos os casos obtiveron resposta dentro da rede pública do Servizo Galego de Saúde e ningún tivo que ser derivado aos centros concertados. O decreto de tempos máximos de atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente de dous meses fixa unha espera de 60 días naturais para intervencións cirúrxicas. O texto normativo tamén fixa un máximo de 45 días para as primeiras consultas externas e 45 días para as primeiras probas diagnósticas ou terapéuticas.
Consultas e probas diagnósticas
O tempo medio de espera para as primeiras consultas de enfermidade consolídase por debaixo dos 50 días e sitúase como a cifra máis baixa da última década. En concreto está nos 44,8 días de espera media, 1,8 días menos respecto de decembro de 2017.
En comparación co resto de comunidades autónomas, e segundo os últimos datos publicados Galicia era unha das comunidades con mellores indicadores de espera en consultas de todo o Sistema Nacional de Saúde, que ten unha media de 66 días a decembro de 2017.
Con respecto das vías rápidas, 16.409 pacientes beneficiáronse deste procedemento cun tempo medio de resposta de 7,1 días a decembro de 2018. As vías rápidas permiten cumprir o compromiso de atender a pacientes con sospeita de patoloxía grave nun tempo inferior a 15 días dende a derivación do médico de cabeceira ao especialista. Actuamente este procedemento está implantado en todos os hospitais do Sergas para cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cancro otorrinolaringoloxico (cabeza e colo) e melanoma.

O tempo medio de espera para as probas diagnósticas tamén se sitúa como a cifra máis baixa de toda a serie histórica do Sergas. A decembro de 2018 o tempo medio de espera para as probas diagnósticas sitúase en 69,8 días, sete días por debaixo do dato no ano anterior. No que se refire ás probas máis realizadas -que son as de radioloxía convencional, radioloxía de mama, as ecografías e o TAC e representan o 67% do total das probas- teñen unha espera media de 60,6 días.

Os indicadores xerais de listas de espera nos hospitais do Servizo Galego de Saúde pódense atopar, detallados, na páxina web do Sergas.