O SERGAS xa puxo en marcha as accións comprometidas para mellorar a atención primaria da área sanitaria de Vigo

O Documento Canles establece os mecanismos de derivación entre atención primaria a cada un dos servizos hospitalarios e prioriza a atención a aqueles pacientes que presenten unha patoloxía que requira dunha actuación rápida
Publicado por o día 26/11/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O SERGAS xa puxo en marcha as accións comprometidas para mellorar a atención primaria da área sanitaria de Vigo

O 94% das accións a curto prazo comprometidas polo Sergas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 na Área Sanitaria de Vigo están  finalizadas e o 6% xa iniciadas. Asi o confirmou hoxe o xerente desta Área, Julio Garcia Comesaña que, acompañado polo director de Procesos Asistenciais, Alfredo Silva, e a directora de Atención Primaria, Elena Lorenzo, deu conta do grao de cumprimento do Plan, aprobado o pasado 16 de maio logo de meses de traballo colaborativo cos colectivos profesionais e de pacientes. O documento, dotado con 102 millóns de euros para as anualidades 2019-2021, reflicte o compromiso da Xunta de Galicia co sistema sanitario e coa Atención Primaria e se estrutura en 200 medidas, das que o 40% son accións a curto prazo, o 33% comprometen a execución en 12 meses e o 27% se implementarán en dous anos.

“Na área de Vigo desenvolvéronse a totalidade das actuacións previstas, orientadas fundamentalmente a reforzar a capacidade de decisión da Atención Primaria e mellorar a accesibilidade á atención hospitalaria. Así, tense introducido importantes cambios organizativos con dotación de recursos e tecnoloxía que melloran de forma determinante a atención ao paciente, como o Proxecto Canles ou Burocracia Zero, e consolidáronse outros como  a Triaxe en Atención Primaria, por exemplo”, explicou  xerente.

Triaxe e gardas de relevo

García Comesaña detallou estas accións e lembrou unha das medidas máis relevantes para potenciar a capacidade de resolución da Atención Primaria, “desde hai meses -dixo- os médicos de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo xa poden solicitar directamente a realización de probas diagnósticas dos seus pacientes como endoscopias dixestivas (gastroscopias e colonnoscopias) e TCs intracraniais, sen necesidade de derivalos previamente ao especialista correspondente do hospital, como viña sendo o habitual”

Un dos programas máis eficaces para afrontar a xestión da demanda non programada  (aqueles pacientes que acoden aos centros de saúde sen estar citados), é a Triaxe en AP. A implantación desta medida pioneira, testada con notable éxito no centro de saúde de A Doblada, posibilita, coa implicación de todas as categorías profesionais, a ordenación da asistencia segundo a súa prioridade. Este proxecto libera ao médico dunha importante carga e permítelle ordenar o seu labor. O TRIAP ten sido prantexado para a súa implantación en todos os centros de saúde para o cal ofreceuse a formación correspondente.

Outro dos cambios organizativos máis relevantes na área de Vigo é o sistema de Gardas de relevo -implantada por vez primeira nunha área sanitaria do SERGAS- e que ten permitido dispoñer de efectivos médicos en situación de localización, destinados a cubrir as incidencias que se poidan producir nos PACs en fins de semana e festivos.

Mellora da coordinación e priorización dos pacientes

Os avances nestes primeiros seis meses concrétanse igualmente na liña estratéxica de mellora da comunicación da Atención Primaria cos hospitais, coa implantación do  Proxecto Canles, no que participaron un total de 80 especialistas de Atención Primaria e Hospitalaria e que recolle as  medidas concretas acordadas para mellorar a coordinación e acortar os tempos de resposta e resolución aos pacientes. Así, xa están operativos os 67 teléfonos canles -para a comunicación directa entre os profesionais de ambos niveis asistenciais- e os mecanismos de derivación establecidos entre atención primaria a cada un dos servizos hospitalarios.

Entre os acordos máis significativos de Canles cabe subliñar o da priorización da atención a aqueles pacientes que presenten unha patoloxía que requira dunha actuación rápida e non demorable, a través de circuítos preferentes que garantan que a interconsulta e/ou a derivación ao hospital sexa resolta coa maior celeridade, mellorando así a capacidade de resolución da atención primaria.  Así, definiuse para cada situación clínica dos pacientes o mecanismo de comunicación correspondente: derivación a Urxencias; vía directa telefónica a través dos teléfonos específicos corporativos con que dotáronse a todos os servizos; e-interconsulta preferente ou ordinaria; ou derivación a consulta presencial.

O xerente explicou tamén outro proxecto específico desta Área sanitaria, o de Burocracia Zero, orientado a minimizar as xestións administrativas que a diario teñe que realizar o persoal dos centros sanitarios e reordenar así parte dos procesos para evitar desprazamentos aos centros e que a actividade poida centrarse máis na atención aos procesos médicos.

Máis recursos humanos e estabilidade laboral

En materia de recursos humanos, precisou García Comesaña, estase a cumprir o compromiso de incrementar os efectivos na área de Vigo e de dotar ao cadro de persoal de maior estabilidade. Polo de agora, os centros de saúde da área xa contan con oito novas prazas: 3 médicos de familia, 3 enfermeiras e 2 fisioterapeutas.  Ademais, nos próximos meses, o SERGAS dotará a área viguesa de máis prazas de médico de familia de nova creación, entre  4 e 6 máis; e seguirase aumentando ao longo do 2020 e 2021.

No referido á estabilidade, un total de 41 facultativos de atención primaria acaban de tomar posesión da súas prazas, 31 médicas/os de atención primaria que tiñan aprobada a OPE (Oferta pública de Emprego) e estaban traballando na área de Vigo, e optaron todos eles por quedarse nesta área. Ademais, tamén incorporáronse 10 facultativos  doutras áreas.

O xerente asegurou que “trátase da maior incorporación de facultativos á Atención primaria viguesa dos últimos anos e que supón un importante incremento de persoal estable, pasando dunha porcentaxe de 73,20% ao 82,36% de persoal fixo na categoría de médico de familia”.

En paralelo, en relación co persoal substituto, tense incorporado o novo nomeamento eventual de continuidade acordado polo Sergas con diversas organizacións sindicais para mellorar as condicións dos profesionais substitutos. O contrato garante un mínimo dun ano de vinculación estable (prorrogable ata tres anos) e equipara os dereitos deste persoal a nivel de descansos, permisos e complementos co persoal propietario ao que substitúen. Nestes momentos a área de Vigo conta cun total de 6 contratos deste tipo.

Novas infraestruturas e dotacións

No referido ás novas infraestruturas, cabe lembrar que desde o venres está xa operativo o novo centro de saúde de Gondomar cun orzamento de máis de 2 millóns de euros. Asemade, xa se iniciou a obra do novo centro de Salceda de Caselas, igualmente de preto de 2 millóns de euros. Tamén está xa executada a obra de remodelación integral de Pazos de Borbén, cun orzamento global de 150.000 euros.

Están en fase de proxecto as actuacións de reforma e ampliación do centro de saúde de Porriño, e do novo Centro de Saúde de Bouzas. Ademais, ven de anunciarse o novo Centro de Saúde Integral Olimpia Valencia.

Por último, o xerente lembrou tamén o importante investimento que se está a realizar -900.000 euros- na compra de equipamento electromédico e de diagnósstico –57 electrocardiógrafos, 50 desfibriladores, 3 ecógrafos, 60 unidades de holter de presión arterial, 50 espirómetros e 6 retinógrafos- así como mobiliario clínico e xeral  para as consultas dos centros de saúde vigueses.

“Cúmprese así con outra das medidas a corto prazo contempladas no Plan Galego de Atención Primaria e que responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación no ámbito deste primeiro nivel asistencial, mediante a renovación do material de diagnóstico obsoleto das consultas dos centros de saúde do Sergas así como a dotación do equipamento necesario”, asegurou o xerente.

Una respuesta para "O SERGAS xa puxo en marcha as accións comprometidas para mellorar a atención primaria da área sanitaria de Vigo"

  1. Gamela   27/11/2019 at 7:57

    Por iso os médicos ván a FOLGA hoxe e mañá… porque son masocas ?

    Disque xa poden SOLICITAR probas diagnósticas, pero se unha simple ecografía solicitada está programada para o mes de Marzo 2020 (4 meses) estamos facendo o indio…

    Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk

    Responder

Comentar noticia

Your email address will not be published.