O servizo de neuroloxía do CHUVI atende a medio millar de pacientes con PARKINSON

Nas consultas monográficas de Neuroloxía do CHUVI atendeuse en 2017 a un total de 562 enfermos de Parkinson
Por o 13/04/2018 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
O servizo de neuroloxía do CHUVI atende a medio millar de pacientes con PARKINSON

O servizo de Neuroloxía do CHUVI dispón de dous consultas monográficas de atención a enfermos de Parkinson, que atenderon no pasado ano 2017 a 562 pacientes con esta enfermidade.

“Trátase dunha enfermidade en ascenso; de feito, o pasado ano rexistramos un crecemento dun 10% máis de pacientes”, afirma o doutor Antonio Koukoulis, un dos especialistas destas consultas.

Onte celebrouse o Día Mundial do Parkinson, que este ano tivo por lema “O que máis doe do Parkinson é como me miras”. Dar visibilidade social á enfermidade, non considerala unha vergoña, é unha das metas que debe propoñerse á sociedade, afirma o neurólogo Antonio Koukoulis.

O Parkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa que máis prevaleza ten na área de Vigo, do mesmo xeito que no resto do mundo occidental, só por detrás do Alzheimer. É unha enfermidade do sistema nervioso central que afecta á área do cerebro que coordina a actividade, o ton muscular e o movemento do paciente.

O crecemento desta patoloxía é exponencial desde hai varios anos. Un dos principais factores é o envellecemento da poboación, xa que normalmente a aparición do Parkinson está asociada coa idade. “Con todo, nas consultas vemos cada vez a máis persoas de mediana idade”, puntualiza o neurólogo do CHUVI.

Tratamentos

Nos últimos anos apareceron novos tratamentos para enfermos de Parkinson en función do seu grao de severidade.

Son tratamentos complexos para cuxa aplicación é necesario a formación específica do persoal sanitario. “Demóstranse eficaces e na maioría dos casos melloran a calidade de
vida dos pacientes”, explica o doutor Antonio Koukoulis.

Segundo os casos e o grao de severidade, estes novos tratamentos poden ir desde a cirurxía ata a perfusión de fármacos. De todos os xeitos, os medicamentos tradicionais tamén se mostran eficaces nos estadíos máis temperáns da enfermidade. Todo iso unido á necesidade de realizar un bo manexo da enfermidade polos facultativos, para tratar mellor a cada paciente.

Recomendacións

Os neurólogos consideran que terminar coa “vergoña social” que acompaña en moitos casos ao Parkinson é un obxectivo a lograr. De aí a necesidade de visibilizar a enfermidade, tal como persegue a celebración do Día Mundial do Parkinson. Os especialistas consideran importante, ademais, a detección precoz dos casos. “Tremor, torpeza e lentitude nos movementos” adoitan ser os primeiros síntomas de aparición do Parkinson.

Ante esa circunstancia, a recomendación é acudir ao médico de Familia, no centro de saúde, a fin de avaliar a sintomatoloxía e realizar as probas previas a un primeiro diagnóstico ou ben derivar ao paciente ao Servizo de Neuroloxía. Unha vez na consulta do neurólogo, o paciente debe predispoñerse a contar todo o que lle ocorre na súa vida cotiá, xa que a información do que lle pasa é fundamental para establecer as pautas para seguir no manexo da enfermidade.

“É recomendable que o enfermo acuda á consulta acompañado de alguén que coñeza en maior ou menor grao o seu día a día, porque poderá achegar máis información que o paciente esqueza ou que non quixese contar ao médico por calquera motivo”, explica o doutor Koukoulis.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.