O Servizo Galego de Saúde e AFAGA asinan un convenio para o desenvolvemento de accións en prol das persoas con Alzhéimer

En virtude deste acordo, ambas organizacións traballarán de forma conxunta para mellorar a calidade de vida das persoas con demencia e as súas familias
Publicado por o día 16/01/2020 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O Servizo Galego de Saúde e AFAGA asinan un convenio para o desenvolvemento de accións en prol das persoas con Alzhéimer

O Servizo Galego de Saúde e a Asociación Afaga Alzhéimer, asinaron un convenio para desenvolver accións conxuntas en prol das persoas con demencia e dos seus familiares.

Este acordo foi asinado no Hospital Álvaro Cunqueiro por Julio García Comesaña, xerente do Área Sanitaria de Vigo, e Juan Carlos Rodríguez, presidente de Afaga Alzheimer, nun acto no que tamén estaba presente Jesús Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade, e José Antonio Fernández, subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía.

Entre estas accións destaca a posta en marcha de campañas de formación á poboación da área sanitaria dirixidas ó diagnóstico precoz do alzhéimer e outras demencias, a organización de talleres e conferencias divulgativas, a organización de actividades formativas e de acompañamento para coidadores familiares e a cesión de espazos para o desenvolvemento de proxectos piloto de atención ás persoas con demencia nos centros dependentes da área sanitaria de Vigo.

Juan Carlos Rodríguez, presidente de Afaga valora de forma moi positiva este acordo xa que “coa firma deste convenio damos un paso máis na atención ás persoas que teñen unha demencia e ás súas familias. Son accións que xa se están realizando grazas á estreita colaboración que o Sergas mantén con Afaga, pero desta forma poñemos sobre o papel o compromiso que ambas entidades temos e tamén asumimos o reto de ampliar e impulsar os proxectos para abarcar así un núcleo de poboación cada vez maior -posto que o número de persoas con demencia tamén aumenta cada ano- e para ofrecer unha mellor atención”.

Pola súa banda, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, concluíu que “en definitiva, con esta colaboración trátase de impulsar actividades conxuntas que melloren a calidade de vida das persoas con demencia e a dos seus familiares·.