O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as puntuacións definitivas do proceso de actualización de listas de selección temporal das categorías de persoal de enfermaría, enfermaría da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e técnico en coidados auxiliares de enfermaría.
O número total de aspirantes admitidos é de 24.507, o que representa un incremento medio do 3,52% con relación ao anterior ciclo de xeración. Nomeadamente, 11.212 corresponden á categoría de persoal de enfermaría, 961 aos aspirantes admitidos para vinculacións como enfermaría do 061 e 12.334 na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermaría.
Co obxecto de asegurar o maior número de dispoñibles posibles para reforzar a atención sanitaria derivada da pandemia, e respecto do anterior proceso de actualización, adiántase a publicación das listas definitivas da categoría de persoal de enfermaría e enfermaría do 061 en máis de seis meses (a última actualización foi publicada o 30 de xullo de 2020), e na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería en preto de catro (a última actualización é de data 12 de maio de 2020).
Con este adianto, dáse cumprimento ao compromiso asumido pola Dirección Xeral de Recursos Humanos de anticipar a publicación dos resultados definitivos do proceso de actualización das listas de selección temporal das distintas categorías, priorizando as deficitarias e directamente vinculadas á atención sanitaria da pandemia covid-19, inserido na Orde da Consellería de Sanidade do 27 de novembro de 2020, pola que se aprobou o Plan de continxencia en materia de recursos humanos (COVID-19) pactado na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, coas organizacións sindicais CC.OO, CSI-F e SATSE.
As listas atópanse publicadas, e a disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polos aspirantes no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Estarán dispoñibles a efectos de chamamentos a partir do 22 de xaneiro.
Próximas publicacións
En vindeiras datas, publicaranse os resultados provisionais do proceso de actualización das seguintes categorías: persoal de enfermaría familiar e comunitaria, enfermaría pediátrica, do traballo, obstetricia e xinecoloxía (matrona), enfermaría especialista en saúde mental, médico de familia, médico de urxencias hospitalarias e pediatra de atención primaria.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.