No día de hoxe celebrouse unha xuntanza da Mesa sectorial de Sanidade, reuníndose a administracións sanitaria coas organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT. Xunto coa Directora Xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, asistiron á reunión o Xerente do Sergas, José Flores, e a Directora Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, para dar conta do estado de situación actual da pandemia, da vacinación e dos cribados. Neste senso, anunciouse a realización nas vindeiras semanas dun cribado a todos os profesionais do Servizo Galego de Saúde, mediante a técnica de PCR en saliva.
A orde do día da xuntanza recollía dúas medidas de cara a mellorar o emprego temporal no Sergas. A primeira, responde ao compromiso de negociar unha nova orde pola que se regulan as diversas modalidades de contratación de persoal estatutario temporal do Sistema Público de saúde de Galicia. Este compromiso foi adquirido no Plan de continxencia en materia de recursos humanos (covid-19) pactado na Mesa sectorial, o pasado mes de decembro. Logo de responder as alegacións presentadas polos sindicatos deuse por rematada a negociación e a norma continuará coa tramitación para a súa publicación. A nova orde substituirá a orde publicada no ano 1997, e suporá un novo marco normativo dos nomeamentos temporais e unha actualización dos modelos de contratos.
Tamén se acordou nesta xuntanza constituír a comisión negociadora dun novo pacto de selección temporal que será aplicable a todo o persoal estatutario temporal do Sistema Público de Saúde de Galicia, abríndose un prazo de un mes para alegacións ao texto actual que comprende a todas as categorías estatutarias. O novo pacto que resulte da negociación virá a substituír ao vixente .
Así mesmo na reunión celebrada hoxe, pechouse a negociación do decreto relativo á creación da categoría de médico de hospitalización a domicilio que remata a súa tramitación previa, e que deberá ser aprobado pola Xunta de Galicia. Tamén concluíu a negociación da regulación da categoría de médico/a de admisión e documentación clínica que continuará coa tramitación normativa.
Tanto a Administración como os sindicatos da mesa sectorial fixeron un especial recoñecemento aos profesionais das institucións sanitarias polo seu esforzo e dedicación, cunha gran consideración e parabéns para todos eles.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.