A empresa Logística Alimentaria, rexentada pola familia Sangiao cun amplo historial de impagos con Lácteos Tambre, volve reincidir na súa morosidade ás granxas ás que lles recolle o leite. En días pasados, Logística Alimentaria emitiu un comunicado autoexculpándose destas acusacións afirmando que “dende 2018 non compra leite no campo, centrando a súa actividade na transformación industrial”. Porén, esta afirmación non é de todo certa. Logística Alimentaria segue mercando leite a través da empresa TeGestacín SL (http://tegestacin.es/empresa/). Dende o Sindicato Labrego Galego contactamos con granxas que xa acumulan entre un e dous meses de impagos de TeGestacín; estas explotacións denuncian que os atrasos nos cobros son tamén frecuentes. Desta vez, a escusa para non pagar baséase en que un virus informático lles impide abonar as mensualidades pendentes.
O equipo xurídico do Sindicato Labrego Galego está a estudar unha posible demanda xudicial contra a empresa con sede en Outeiro de Rei se non resolve axiña ese “virus informático” que lle impide cumprir as súas obrigas coas granxas. Pero, antes de ter que chegarmos á vía xudicial, a Consellaría de Medio Rural debería facer o seu traballo e mediar de maneira inmediata entre as empresas morosas e as granxas para resolver canto antes estes impagos que poñen en perigo a liquidez e economía das familias labregas afectadas.
Máis alá dos impagos, dende o Sindicato Labrego Galego volvemos reiterar a nosa demanda á Consellaría de Medio Rural para que regule un sector no que parece ser que, coa súa complicidade, se pode delinquir impunemente.
En primeiro lugar, consideramos que o feito de que siga a haber primeiros compradores que teñen deixado impagos, algúns mesmo condenados por iso como a familia Sangiao con Lácteos Tambre, sigan operando no mercado lácteo, é responsabilidade directa da Xunta de Galicia. O SLG leva máis dunha década pedindo que se regule a actividade dos primeiros compradores; en concreto, que a Administración lles esixa o depósito de avais ou outro tipo de garantías que cubran posibles impagos, e que exista unha vía de reclamación rápida e efectiva para as granxas que sufran a morosidade poidan ingresar o antes posible os cartos que lles deben.
Ademais, deberíase denegar a licenza para mercar leite a aquelas empresas ou persoas que teñan sido condenadas por impagos. Non é de recibo que empresarios como David López arruinase primeiro cooperativas como Xertigan, e que despois poida seguir con presuntas prácticas fraudulentas e impagos coa empresa Lácteos Ortegal coma se nada; ou que a familia Sangiao, tras varias sentenzas condenatorias, disolvese Lácteos Tambre e seguise operando no mercado con Logística Alimentaria e, agora, con TeGestacín SL.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.