O Sindicato Labrego Galego lanza a campaña “Incorpórate con nós!” para ofrecer apoio integral ás persoas que se inician na profesión agraria

Publicado por o día 29/05/2019 na sección de Sindicato Labrego Galego,Sindicatos

O Sindicato Labrego Galego lanza a campaña “Incorpórate con nós!” para ofrecer apoio integral ás persoas que se inician na profesión agraria

Se estás pensando incorporarte á profesión labrega e queres facelo a través dun modelo produtivo sostible, de escala familiar e respectuoso co medio ambiente, fala con nós. No Sindicato Labrego Galego temos un equipo multidisciplinar de persoas expertas que te asesorarán en todas e cada unha das etapas necesarias para facer realidade o proxecto agrario e gandeiro co que soñas.

Así, se te incorporas con nós, poderémoste axudar nos aspectos económicos, laborais, técnicos ou de comercialización do teu proxecto; ou en tarefas como a solicitude de subvencións, a tramitación de seguros agrarios ou a contabilidade.


Máis alá das obrigas burocráticas que require toda actividade agraria profesional, no Sindicato Labrego Galego somos moi conscientes da necesidade de reforzar o apoio humano e social que precisa o teu proxecto para darlle unha cobertura integral. Por iso, tamén te acompañaremos para que coñezas iniciativas agrarias e gandeiras semellantes á túa para que sexan mozos e mozas coma ti, que xa deron o paso de incorporarse, quen che podan aconsellar e con quen poidas aprender e resolver todas as dúbidas que teñas.

Para isto último, o Sindicato Labrego Galego puxo en marcha iniciativas como as “xornadas de granxas abertas”, que consisten en visitas regulares a comarcas para ver explotacións de diversos sectores produtivos; as “granxas amigas”, coas que poderás compartir impresións e experiencia con mozos e mozas que rexentan proxectos semellantes ao teu; ou directamente co grupo de Mocidade do SLG, onde poderás tecer redes con persoas coas mesmas inquedanzas ca ti.

Non o dubides. Se estás pensando incorporarte á profesión agraria: Incorpórate con nós!

Chama ao 981 554 147, escribe a connos@sindicatolabrego.gal ou visítanos en calquera das nosas oficinas (bit.ly/enderezosSLG) e falamos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.