O Sindicato Labrego Galego organiza este sábado en Vilalba unha xornada nacional en defensa da terra

Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Sindicato Labrego Galego,Sindicatos

O Sindicato Labrego Galego organiza este sábado en Vilalba unha xornada nacional en defensa da terra

O Sindicato Labrego Galego organiza este sábado, 8 de febreiro, unha Xornada Nacional en Defensa da Terra, que terá lugar no local da Liga Santaballesa, na parroquia de Santaballa (Vilalba, Lugo). Con esta convocatoria, dende o SLG queremos tecer redes de ideas e accións con activistas e colectivos de toda Galiza e de diversos ámbitos para enfrontar un fenómeno, cada vez máis agresivo e crecente, como o do acaparamento de terras, que usurpa os predios en favor de actividades industriais e en detrimento da produción de alimentos e do uso e desfrute das comunidades rurais vinculadas ao territorio.

Polo de agora, xa confirmaron a súa participación na xornada colectivos e plataformas como Asociación Cultural O Iribio, Asociación de Afectados polas Louseiras do Val do río Baos, Asociación Petón do Lobo, Auga Limpa Xa!, Coluna Sanfins, Comisión das Minas da Terra Chá, Comisión de Seguimento da Minaría e Defensa do Rural de Mesía-Frades, Comunidade de Montes de Tameiga, Contraminacción, Instituto Galego de Terras Comunitarias, Mina Touro O Pino Non, Non Eólicos Ordes, Salva la Selva, Salvemos a Comarca de Ordes, Salvemos as Fragas de Catasós, Verdegaia e Véspera de Nada.

Máis dun millón de hectáreas perdidas para a agricultura e a gandería

Se atendemos aos datos, Galiza sufriu un brutal proceso de acaparamento de terras favorecido polas políticas industriais e forestais das últimas décadas. Primeiro co Franquismo, cunha usurpación dos montes comunais que supuxo o abandono da actividade gandeira e silvopastoril en 820.000 hectáreas; e despois co Estado e coa Xunta, cuxas políticas fixeron que, dende 1986, se perdesen 200.000 hectáreas de superficie agraria, ao mesmo tempo que os cultivos de piñeiro e eucalipto ocupaban case 400.000 hectáreas máis do noso territorio.

Só no sector lácteo, as 350.000 hectáreas das que dispoñía en 1989 reducíronse a 220.000, concentrándose o 40% da produción leiteira do Estado no 8% do territorio galego, con serios problemas de acceso á base territorial na actualidade (a media de superficie por granxa na Galiza é dunhas 20 hectáreas, a metade da media europea) e, polo tanto, unha mingua considerable de competitividade e rendibilidade das granxas; así como de adaptación a unha Política Agraria Común que cada vez prima máis a xestión de superficie territorial.

Ademais das políticas forestais, outros fenómenos como o crecente consumo enerxético, de metais ou de minerais, fai que se ocupen terras coa construción de parques eólicos ou coa explotación mineira; e que a superficie agraria fique sempre en segundo plano e como ben a sacrificar diante dos intereses, decotío especulativos, da patronal mineira e enerxética. Mesmo sen saír do plano agrícola, tamén estamos detectando accións de acaparamento ligadas á gandería industrial. Do conflito das Encrobas ao actual en Touro e O Pino, o acaparamento de terras é un cabalo de batalla co que temos que lidar as organizacións agrarias que defendemos o solo agrícola da depredación.

Coa xornada do 8 de febreiro, dende o SLG agardamos que o tecido social galego que ten na defensa da terra unha das súas prioridades saia fortalecido; da mesma maneira que avanzar en demandas necesarias como unha lexislación que protexa os usos agrogandeiros ou os valores ecolóxicos e humanos da terra fronte a intereses especulativos e industriais, que xeran destrución económica, social, patrimonial e ambiental só para que unhas poucas empresas obteñan beneficios.

Comentar noticia

Your email address will not be published.